Eduardo Carreño: “As gaiolas de salmón destruirán máis postos de traballo dos que crearán”

Eduardo Carreño: “As gaiolas de salmón destruirán máis postos de traballo dos que crearán”

04 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Coas rías non se xoga vai ser o lema da manifestación que a Coordinadora en Defensa da Ría de Muros e Noia vai desenvolver coincidindo coa celebración este domingo do Día Mundial do Medio Ambiente entre a praza do Concello de Muros e a praia de San Francisco. Corenta colectivos, entre eles as catro confrarías de pescadores do lugar, marcharán contra a instalación de gaiolas para o cultivo intensivo e en cativerio de sal

A Xunta defende que as granxas de salmón non terán efecto no ecosistema e que serán unha fonte de riqueza e emprego, e critica que as confrarías se negasen a participar na comisión de seguimento do proxecto, que se vai por en marcha de xeito experimental. O patrón maior de Portosín, Eduardo Carreño, desbotou en Radiofusiòn as críticas da Consellaría do Mar. Sostén que os traballadores están en minoría nas comisións e que, ao final do día, a Xunta “sempre fai o que quere” e a opinión dos mariñeiros non se ten en conta. A súa participación nas mesas de traballo, explica, só lle facilita ao Goberno a escusa para dicir nunha nota de prensa que o sector “si foi consultado”. “Visto como traballa a Administración, non temos nada que pintar”, denuncia

O proxecto da multinacional North West Food para criar salmón atlántico en cativerio nas rías galegas pensárase orixinalmente para a Ría de Arousa, pero xa fora rexeitado polo sector. A oposición na Ría de Muros-Noia non puido impedir a colocación das gaiolas, que se fixo de noite, cando os barcos das confrarías non vixiaban. A Xunta mantén que esta industria creará moitos postos de traballo, pero o patrón de Portosín retruca que “nunca serán tantos como os que dá a ría”. Lembra que na actualidade traballan nela 2.000 persoas, tan só tendo en conta o marisqueo, e que xera un negocio anual de 25 millóns de euros. Por iso Eduardo Carreño afirma que, pasada a manifestación do domingo, continuarán coas protestas porque “isto é unha guerra” que non rematará até que a Consellaría do Mar dea o brazo a torcer.

Sociedade