Eduardo Vidal pide un maior compromiso co I+D+i do sector lácteo

Eduardo Vidal pide un maior compromiso co I+D+i do sector lácteo

02 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O director do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL), Eduardo Vidal Baamonde, advertiu da necesidade de comprometerse co incremento do I+D+i no sector leiteiro na súa   intervención de onte no Día Mundial do Leite, que se está a celebrar no Colexio Oficial de Veterinarios de Madrid e que contou coa participación de Silvia Rodríguez, secretaria xeral e xerente de Federación Española de Empresarios Produtores de Leite (PROLEC

Vidal fixo esta aseveración no transcurso da súa participación nun coloquio organizado pola PROLEC no que advertiu de que “o I+D+i, como en todos os sectores, é tamén fundamental para aportar valor ao sector gandeiro”. O director xeral do CETAL explicou que para que o I+D+i lle aporte valor ao sector lácteo “é necesario centrar as liñas estratéxicas, evitando o desenfoque do esforzo investigador de cara a liñas que non contribúan á consolidación do noso potencial produtor, a través da incorporación de innovación que aporte vantaxes competitivas nítidas”.

O responsable vilalbés fixo referencia a que o Francia “é o noso sector produtor referencial como competidor”, de aí que se deba prestar atención ás análises que se fagan desde o país veciño das nosas debilidades e oportunidades.

“Se analizamos a nosa realidade a través de datos obxectivos das explotacións lácteas en programas de xestión técnico-económica de distintas comunidades autónomas, como son Galicia, Asturias ou Cataluña, observamos que dos datos procedentes do programa de xestión de explotacións lácteas galegas extráese que a relación consumo de concentrado por litro de leite producido e o beneficio das explotacións lácteas non só é inversamente proporcional, senón que no ano 2008 as explotacións con consumos de penso por litro de leite producido inferiores a 300 g/Litro acadaban un beneficio de 11,26 €/100 L, que diminuía paulatina e gradualmente ata situarse en perdas para as explotacións con consumos superiores aos 500 g/Litro”, incidiu Baamonde.

Problemas do sector español
Eduardo Vidal falou tamén dos problemas que abaten ao sector lácteo español, entre os que mencionou a distribución, a industria, a propia Administración e as debilidades do sector gandeiro, das que dixo que “se circunscriben á necesidade de diminuír os custes de produción e incrementar o valor da produción primaria”. Para o director do CETAL, “o I+D+i centrado no sector produtor debe dirixirse a eses dous obxectivos finais e o seu aporte será básico á hora de conseguilos, aínda que para elo será necesario non só instrumentalizar esta focalización de obxectivos, senón tamén incrementar a captación de recursos para o I+D+i no sector produtor lácteo”.

O investimento en I+D+i no agro foi outro dos puntos da intervención de Baamonde, do que destacou a inferioridade do agro con respecto a outros sectores produtivos. “Nas últimas décadas o gasto en I+D+i en España tense multiplicado por 14, pero na área agraria este crecemento tan só se ten multiplicado por 6”. Ademais, estableceu que o principal problema “é que o peso da I+D+i centrada no sector produtor do leite, ten un peso aínda máis reducido”. En relación con isto, Baamonde fixo referencia a que o número de proxectos de I+D+i neste sector “sitúase moi por debaixo da súa contribución á produción final agraria”, polo que “detrás deste feito está a ausencia de grandes integradoras e operadores sectoriais capaces de alcanzar a masa crítica suficiente para impulsar con forza o I+D+i centrado no sector produtor”.

O responsable lucense situou ás producións gandeiras intensivas, non ligadas á terra, como as de “maior interese”, polo seu “potencial de consumo, para a industria de alimentación animal e farmacolóxica que impulsan gran parte dos proxectos de I+D+i dirixidos ao sector gandeiro”.

Retos
En canto aos retos, o director do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo mantivo que “o sector debe ser capaz de dotarse de masa crítica suficiente, a través do seu reforzo organizativo, para impulsar proxectos de I+D+i ao seu servizo e acceder ao financiamento público existente dende posicións competitivas”.

Por outra banda, especificou que “o sector produtor non pode esperar sen máis a que ese valor repercuta directamente sobre a súa conta de resultados. Son numerosas as liñas de traballo nas que centrarse,  dende a alimentación á xenética, pasando pola sanidade ou a valorización dos residuos, -enumerou-, co foco posto na diminución dos custes de produción, ou a diferenciación por calidade, propiedades funcionais, orixe ou sistema de produción,  co foco posto na valorización da produción primaria. E a esta tarefa debe dirixirse o I+D+i impulsado por un sector produtor ben estruturado en canto a organización”, insistiu.

Sociedade