A educación, base do progreso en Mugardos

A educación, base do progreso en Mugardos

23 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Cúmprese o centenario da inauguración en Mugardos da escola ‘Unión Mugardesa’ construida por un grupo de mugardeses emigrados na Habana. Estes xuntáronse no 1909 nunha asociación que se puxo mans á obra para xuntar a financiación necesaria. Un símbolo da entrega altruísta dos que se atopaban na diáspora, soñando cun mundo mellor para a infancia do seu pobo. Aquelas persoas obteñen agora un recoñecemento co

Os actos conmemmorativos arrincan este sábado, ás seis e media no casino da vila, coa obra de teatro ‘Sempre en Galicia’ realizada polo profesorado e o alumnado do CEIP Unión Mugardesa. Seguiralle unha conferencia titulada “A tarefa máis fermosa da emigración galega a América” a cargo do presidente da Sociedade Instructiva de Caamouco, Ernesto López Naveiras.

A programación do Centenario da Escola Unión Mugardesa retomarase o 1 de outubro, ás oito do serán no Local Social de Maiores de Mugardos, coa inauguración de dúas exposicións e unha conferencia por Vicente Peña, profesor universitario estudoso das escolas de emigrantes. Ao día seguinte, 2 de outubro, comezan os festexos conmemorativos do centenario. Recrearase o acto inaugural da escola celebrado o 2 de outubro de 1910. Farase un percorrido a pé desde o peirao mugardés ata a escola. Alí descubrirase unha placa conmemorativa e prantaráse unha árbore. Ás dúas e media celebrarase o ‘Xantar do Centenario’ no pavillón municipal.

Ás cinco da tarde, o Trío Siboney e Xoán Rubia porán a nota musical. Este último sinalou que cantará un poema sobre a Habana de Curros Enríquez. Unha mesa redonda e a proxección dun video arredor da historia da escola pecharán os actos o 8 de outubro.

Sociedade