Elevada incidencia da folga xeral na industria en Galicia

Elevada incidencia da folga xeral na industria en Galicia

14 de Novembro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Os polígonos industriais, as grandes empresas e os servizos de recollida do lixo sumáronse maioritariamente á xornada de folga xeral convocada contra os recurtes do goberno Rajoy. A ausencia de incidentes de importancia marcou as primeiras horas do paro.

Segundo a CIG, os primeiros piquetes saíron en Vigo cara aos polígonos do Porriño, Caramuxo e Valadares, onde a tónica xeral foi a ausencia de traballadores/as da quenda de noite. De feito, no caso do polígono vigués a labor informativa non foi necesaria ante a ausencia de persoas e os integrantes do piquete achegáronse até a planta de Citroën, onde a entrada de traballadores da quenda de noite foi moi escasa.

A recollida de lixo da cidade atópase totalmente paralizada. Despois da media noite partía do local da CIG o piquete máis numeroso, que percorreu a rúa Urzaiz até a farola de Príncipe e regresou de novo até o Calvario sen que se rexistraran incidentes xa que todos os establecementos de hostalería pecharon as súas portas.

Na cidade da Coruña os primeiros piquetes levaron a súa actividade informativa até o Polígono de Sabón, diante das portas de Zara Loxística. O paro tivo un amplo seguimento tanto na quenda de noite desta empresa como na de Alcoa. Así mesmo, a recollida de lixo na cidade (Cespa) e no Consorcio das Mariñas está parada e na planta de Nostián só están operativos os servizos mínimos.

En Ferrol, a folga no sector da limpeza e recollida do lixo está consolidada. Nos polígonos industriais non entrou ninguén na quenda das 22:00 horas, quedando sen actividade empresas como Inditex, Indipunt ou Pull&Bear. Tampouco entraron traballadores/as á quenda de noite de Navantia. A recollida de lixo nos Concellos de Narón e Ferrol tamén está paralizada.

Sociedade