Elisardo Becoña, director da Unidade de Tabaquismo da USC: “En Galicia morren cada día sete fumadores”

Elisardo Becoña, director da Unidade de Tabaquismo da USC: “En Galicia morren cada día sete fumadores”

28 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Ata sete fumadores morren ao día en Galicia, unha cifra sobre a que non se chama suficientemente a atención, segundo o doutor en psicoloxía Elisardo Becoña. Este experto dirixe a Unidade de Tabaquismo da Universidade de Santiago de Compostela, departamento pioneiro no tratamento de persoas que queren deixar o fume dos cigarros. Aqueles interesados en apuntarse ao seu programa deben facelo antes deste venres día 30.

A unidade de loita contra o consumo de tabaco superou o cuarto de século de vida e neste tempo axudou a deixar de fumar a máis de 10.000 persoas. A situación cambiou moito nestes anos, salientou Elisardo Becoña en Radiofusiòn, quen chamou a atención sobre o incremento de mulleres fumadoras. Con todo advirte unha redución do consumo trala implantación da Lei Antitabaco. O departamento de tabaquismo da USC dispón de distintos tratamentos en función do tipo de fumador: clínico intensivo, grupais, por correo postal...

En todos eles adecúase o programa no só ás características de cada persoa, senón os seus horarios e necesidades; e isto, explicou o director, provoca que o 70% dos participantes acaden o seu obxectivo de desbotar os cigarros.

Aqueles interesados en inscribirse poden facelo nos teléfonos 981563100 (ext. 13939) e 981547146.

Sociedade