Eloxio do artista

Eloxio do artista
09 de Xuño, 2021 - 12:14 h. | Publicada por Radio Fene

Comentarios moi positivos está a recibir a exposición do laboratorio Laudas Calamity inaugurada o pasado venres na Casa da Cultura de Fene. "Os pequerrechos crearon todo. Hai pezas dos chiquiartistas novos que entraron este ano e obras individuais de maiores de doce anos. Houbo artistas que non se atreveron a inventar a súa propia lenda e historia de fantasmas. Recorreron á guía ilustrada de monstros e fantasmas do folclore xaponés de Sekien Turiyama" afirma Laura Bouza que tamén quixo facer patente o seu agradecemento ás persoas que lle axudaron a instalar a superestrutura de bambú na que se integra a exposición. 

ESCOITA O PODCAST:
Exposición sobre yokais na Casa da Cultura de Fene

A exposición “Yokais: monstros, pantasmas e outros seres do Laboratorio”, do alumnado de Laudas Calamity, permanece aberta ata final de mes na Casa da Cultura de Fene. Trátase dunha exposición colectiva que xira entorno á temática do folclore xaponés, concretamente sobre o mundo dos monstros e pantasmas, tamén coñecidos coma Yokais. Pódense ver obras de grande formato en feitura de pergamiño xigante “que reciben a influenza do artista de e-maki-mono (rolo ilustrado) Sawaki Sushi e a súa obra Hyakkai zukan (compendio ilustrado de cen demos, completada en 1737). Estes pergamiños xigantes (150x110cm.) foron creados de xeito colectivo polos “chiquiartistas” a partir das súas propias historias yokais, dando lugar estas historias a bocexos que remataron plasmando nos pergamiños que se poden ver na mostra.
Ademais, as pezas de grande formato conviven na exposición con outras individuais de 75x35 cm. Cada unha delas está inspirada nun texto da “Guía Ilustrada de Monstruos y Fantasmas de Japón” de Sekien Toriyama (Ed. Quaterni, 2014) que cada artista interpretou nestes soportes/pergamino. Por último, na sala pódese ver unha instalación formada por unhas súper estruturas de bambú que soportan os pergamiños xigantes a modo de estandartes. Deste xeito, a persoa visitante pode camiñar entre os estandartes á vez que goza dos pergamiños individuais. A exposición “Yokais: monstros, pantasmas e outros seres do Laboratorio” amosase na Casa da Cultura de Fene ata o  30 de xuño en horario: de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas (até o 22 de xuño). A partir desa data, o horario será: de luns a venres, de 10 a 14,15 horas. Haberá visitas guiadas mañá xoves ás catro da tarde e o venres ás cinco. Tamén o martes da vindeira semana. 

Cultura

Publica o teu comentario agora