Empeño para romper a dinámica criminal da violencia de xénero

Empeño para romper a dinámica criminal da violencia de xénero

25 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Como persoas civilizadas, queremos facer un chamamento á cidadanía contra a violencia de xénero. Non podemos consentir que esta situación continúe manténdose e debemos poñer, todos e todas, o noso máis enérxico empeño en romper esta dinámica criminal e protexer ás vítimas. Arrinca así o manifesto deste 25 de novembro do Concello de Boiro.

O manifesto continúa así:

Neste día, queremos mostrar o noso recoñecemento á coraxe e á valentía de tantas mulleres que, día a día, logran superar o medo e as barreiras psicolóxicas, sociais, familiares, relixiosas... levantadas ao longo de séculos de dominación machista, para rebelarse contra o seu maltratador e levalo ante a Xustiza. 

Estamos convencidos de que hoxe máis que nunca, é necesaria a complicidade de todos os homes e mulleres deste país para loitar contra esta violencia. Porque o problema é de todos e non só das vítimas, sendo tamén de toda a sociedade, o deber da denuncia. Se ante unha agresión volvemos a cabeza e calamos, estamos colaborando a crear espazos de impunidade para os agresores e a incrementar o sufrimento das vítimas, na súa maioría  mulleres pero tamén dos seus fillos e fillas.

No que vai de ano, 64 mulleres e 4 nenos e nenas foron asasinados por violencia machista. Calcúlase que, aproximadamente, 800.000 nenos sofren, no seu contorno a violencia de xénero. Estes menores necesitan unha protección especial e o apoio de toda a cidadanía para saír da espiral de violencia que sofren, sufriron ou sufrirán. 

Sabemos que os nenos que medran nestes fogares padecen secuelas que poden durarlles toda a vida. Disminución do rendemento escolar, insomnio, pesadelos, fobias, ansiedade, agresividade ... son só algúns dos síntomas que presentan os e as menores que conviviron coa violencia de xénero. Ademais, o aprendizaxe de modelos violentos e roles de xénero erróneos poden conducirlles a repetir esas condutas, tanto no papel de vítima como de agresor, coa conseguinte reprodución da violencia de xénero. 

Desde o Departamento de Servizos Sociais do Concello de Boiro queremos facer un chamamento á conciencia de toda a cidadanía para mobilizarnos contra os maltratadores, para que non encontren ningunha abertura de impunidade  nos seus terribles actos. 

Sociedade