Empeza a ensamblaxe para Saint Brieuc

Empeza a ensamblaxe para Saint Brieuc
16 de Abril, 2021 - 12:02 h. | Publicada por Radio Fene

Navantia Fene recibe os primeiro lote de compoñentes de dous jackets fabricados en Brest. Os compoñentes serán ensamblados no estaleiro de Fene.

O estaleiro de Fene recibiu o primeiro lote de compoñentes de dous jackets fabricados no porto de Brest, para a súa ensamblaxe final nas instalacións de Fene, con destino ao futuro parque eólico de Saint Brieuc (Francia). Trátase de 30 compoñentes, dun peso total de 1.300 toneladas, que foron fabricados por empresas locais bretoas e polos equipos de Navantia e as súas empresas colaboradoras. Segundo o contrato asinado en 2020 entre o consorcio Ailes Marines, liderado por Iberdrola e a UTE Navantia-Windar, nas instalacións portuarias de Brest vanse soldar 30.000 toneladas de aceiro para fabricar varios compoñentes, xerando uns 250 postos de traballo locais.

O barco BBC Belem partiu do porto de Brest o día 2 de abril con este primeiro lote, ao que seguirán 16 envíos máis nos próximos 15 meses. O emblemático pórtico de Navantia unirá as pezas destes jackets, que acollerán a partir de 2023 os 62 aeroxeradores cos que contará o parque de Saint Briec. É unha etapa importante tanto para o proxecto como para Navantia. Trasladar parte do proceso produtivo a Brest era un dos retos deste proxecto e estase levando a bo termo grazas ao compromiso dos equipos en España e en Francia.

Tamén foi posible grazas á mobilización do tecido industrial local, que se beneficiou do know-how de Navantia para reforzar as súas capacidades e situarse no sector estratéxico das enerxías mariñas renovables. Francia ten un dos maiores potenciais de desenvolvemento do eólico offshore en Europa. Agora Navantia aspira a alcanzar un papel prominente no territorio galo grazas á súa experiencia única neste sector e á súa implantación local.

 

(Na imaxe de Navantia, primeiro embarque en Saint Brieuc).

Sociedade

Publica o teu comentario agora