Empeza por ti, comeza en Corcubión

Empeza por ti, comeza en Corcubión
22 de Setembro, 2023 - 09:02 h. | Publicada por Radio Neria

“Onda ODS. Empeza por ti” comezará en Corcubión o sábado 30 de setembro cun programa de radio en directo e con público desde a antiga capela do Pilar. O espazo prolongarase entre as 10 da mañá e a unha do mediodía contando coa participación do movemento asociativo da comarca. Radio Neria súmase así á iniciativa de 240 medios locais para sensibilizar contra o cambio climático e por un mundo máis xusto. Representantes de radios locais do estado realizan na localidade un encontro para poñer a punto a campaña. 

Radios locais en Corcubión

Divulgarán os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel fixados pola ONU para a defensa das xeneracións futuras. “Estamos nun punto de inflexión das civilizacións e debemos coidar a saúde do planeta e tamén a da rapazada, da xente maior e de todos os países do mundo” afirman os promotores da iniciativa. Grupos en Corcubión, Fene e Moeche intentarán trasladar á vida cotiá os grandes obxectivos da humanidade. Realizarán podcasts e programas audiovisuais en torno a esa temática sempre co telón de fondo da participación cidadá.

“Onda Ods. Empeza por ti” é unha iniciativa de Emisoras Municipais Galegas, Emisoras Municipales de Andalucía, RTV Cardedeu La Xarxa de Catalunya e a Rede de Medios Comunitarios. Conta coa axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

 

 

Na imaxe representantes das radios locais reunidos no salón de plenos da Casa do Concello de Corcubión este xoves

Sociedade

Publica o teu comentario agora