Empezamos o ano con enerxía

Empezamos o ano con enerxía
05 de Febreiro, 2021 - 10:33 h. | Publicada por Radio Fene

A concelleira de Obras e Servizos de Fene, Mar Piñeiro, fai un relato daqueles proxectos que presentan a diferentes plans de subvencións neste ano 2021 e aqueles que xa están en marcha como as reformas na casa do concello.

ESCOITA O PODCAST:
Camiño en Sillobre

“ Empezamos o ano con enerxía. Estamos presentes en cantas subvencións saíron” Así empeza o seu relato a concelleira de obras e servizos de Fene. Mar Piñeiro prioriza, entre esas oportunidades, a mellora dos accesos á área industrial de Vilar do Colo. Neste capítulo, presentan un proxecto para o acceso norte, o vial que conecta o polígono co camiño do cemiterio municipal, outro na entrada que conecta o polígono polo oeste co colexio Os Casais. Fi-nalmente  vaise mellorar a glorieta diante de Mercadona porque se incrementou moito o tráfico na zona desde que se instalou alí este supermercado. Mellorarase o firme e colocarase un paso de peóns.

Piñeiro adiantou a Radio Fene outros proxectos relacionados cos fondos de AGADER para mellorar dous accesos a explotacións gandeiras, unha na Curveira e outra que conecta o CMI de Fene coa estrada de Sillobre á altura do estanco.

A xestión dos residuos é outra preocupación manifestada pola titular de obras e servizos de Fene. Prioridade terán a subvención para un camión do lixo, a posta en marcha da xestión dos contedores marróns e a compostaxe comunitaria. O camiño do Picoto terá prioridade nos investimentos da Xunta. Estase planificando tamén a dotación de auga e alcantarillado alí onde falta, establecendo prioridades, “coa intención de revalorizar o rural” afirma a edil socialista. Engade Mar Piñeiro a preocupación pola posta en valor das zonas verdes. Desta maneira, vanse retirar os elementos deteriorados nos parques ( neste momento pechados) e empezarase a súa progresiva reposición. 

No apartado de servizos, as tarefas de limpeza e desinfección estanse incrementando mesmo cunha fregadora nas rúas. Piñeiro fai fincapé no reforzo dos servizos con empresas externas alí onde non se chega con operarios municipais, contestando así á oposición.

Entre as obras máis inmediatas, que xa se están acometendo neste momento, cita as reformas da casa do concello onde se procede ao cambio das ventás para reducir o consumo enerxético, pensando no bo uso da calefacción. Cita tamén as obras nas Picas e na Lomba e a posta en funcionamento do forno crematorio no cemiterio municipal onde a construción de novos nichos marcha a bo ritmo. Os desbroces de camiños, a posta en valor dos lavadoiros e a mellora da paisaxe na ruta por onde pasa o Camiño Inglés súmanse ás anteriores propostas.

 

(Na imaxe, Mar Piñeiro e o alcalde de Fene)

Institucional

Publica o teu comentario agora