Empregado de gasolineira

Empregado de gasolineira
17 de Marzo, 2021 - 01:50 h. | Publicada por Radio Fene

A comarca de Ferrolterra abre o programa formativo que COGAMI ten preparado para este ano 2021. E faino cun curso de empregada/o de gasolineira no que se forman 8 persoas con discapacidade, a metade de aforo con respecto a anos anteriores a causa do COVID-19.Durante 265 horas, das que 100 serán prácticas en estacións de servizo, formaranse nunha profesión que conta con demanda dentro da zona e coa que se pretende a inserción laboral, como así logrou o 35% das persoas que durante o ano pasado se formaron con COGAMI.

ESCOITA O PODCAST:

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) pon en marcha un curso de formación ocupacional nas instalacións que ten en Ferrol (Rúa Sánchez Calviño, nº56-58) no que se están a formar como empregada/o de gasolineira 8 persoas con discapacidade, 1 muller e 7 homes, un número que este ano se restrinxe á metade do aforo habitual para manter a seguridade de protección máxima ante o COVID-19. Financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo e enmarcado na convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade “Un a Un”- ano 2020 no marco do programa operativo POISES 2014-2020, este curso pretende dar resposta a unha demanda real de profesionais de atención en estacións de servizo, ao mesmo tempo que se mellora a oportunidade de empregabilidade destas oito persoas, todas elas apuntadas no Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI como demandantes de emprego.

Procedentes dos concellos de Fene, Ferrol, Neda e Ortigueira e con idades comprendidas entre os 24 e os 61 anos, todo o alumnado que forma parte deste curso chega con experiencia laboral previa noutros sectores como son a restauración, venda ambulante, fotografía, reparto de comida a domicilio, xardinería, cantería e loxística. Esta oportunidade formativa suponlles unha reciclaxe profesional e unha posible oportunidade laboral noutro campo dentro do mercado. Este curso conta cunha duración de 265 horas distribuídas en módulos específicos como son os de Atención ao Cliente e Técnicas de Venta, Informática Aplicada nas Estacións de Servizo e Conceptos Básicos de Estacións de Servizo, ademais de módulos transversais como o de Prevención de Riscos Laborais e Manipulación de Alimentos.

Para finalizar, disporá de 100 horas de formación práctica nun posto de traballo de gasolineiras da comarca que colaboran con COGAMI na inclusión de persoas con discapacidade. A través de formacións como esta, COGAMI contribúe preparación e cualificación de persoas con discapacidade desempregadas da comarca de Ferrolterra, pretendendo mellorar as súas posibilidades no mercado laboral, como así amosan os datos do ano pasado que reflicten que o 35% das persoas que se formaron con COGAMI, lograron atopar traballo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora