A empresaria e filántropa Rosalía Mera será enterrada mañá en Oleiros

A empresaria e filántropa Rosalía Mera será enterrada mañá en Oleiros

16 de Agosto, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Os restos mortais de Rosalía Mera recibirán sepultura mañá sábado no camposanto de Santa Eulalia de Liáns, no municipio coruñés de Oleiros. Arestora mantense o velorio no Tanatorio Servisa. A empresaria e filántropa galega finou no serán do xoves no Hospital San Rafael da capital herculina, ao que foi traslada de urxencia nun avión medicalizado dende a illa de Menorca. Mera, de 69 anos, pasaba unhas vacacións en familia na l

O pasamento de Rosalía Mera recólleno con profusión as cabeceiras e páxinas de sociedade e economía da prensa do día. Mera Goyenecha, nada na Coruña en 1944, posuía un capital estimado en 4.700 millóns de euros e, malia a súa saída do consello de administración da empresa que fundou, aínda conservaba un 7% dos títulos de Inditex. Ademais, mantiña investimentos en diversos sectores produtivos mediante a sociedade Rosp Corunna, entre eles na farmacéutica galega Zeltia que traballa na produción de medicamentos contra o cancro.

Para alén da súa actividade empresarial, Rosalía Mera significouse como filántropa, sendo a súa actividade pública máis recoñecible o traballo á fronte da Fundación Paideia Galiza creada en 1986 como centro de intervención e investigación en Ciencias Humanas e Sociais. A través desa entidade promóvense actividades de voluntariado, emprego e emprendemento de base social. Asemade, acotío aproveitaba as súas intervencións públicas para apoiar causas que entendía de xustiza social. A contracorrente do que ditaba a súa fortuna, Mera criticou con dureza os recortes sociais impostos pola deriva neoliberal dos gobernos, apoiou as manifestacións cidadás do movemento 15M e, máis recentemente, cargou contra os plans de reforma da lei do aborto promovidos polo actual Goberno do PP.

Sociedade