En construción

En construción
14 de Setembro, 2026 - 10:04 h. | Publicada por Radio Fene

"Fáltalle intensidade ao equipo, e moitos xogadores carecen de experiencia na categoría" indica o adestrador do Maniños Adrián Martínez. Cedeira 2-0 Maniños. Non puido puntuar o equipo do Pote  na súa visita a Cedeira. Segunda xornada da Primeira Futgal. 

ESCOITA O PODCAST:

Escoita aquí a conversa co adestrador do Maniños Adrián Martínez:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/140926MARTINEZ.mp3

 

Fotografía Xan Xe

O Cultural Maniños regresou de valeiro da súa visita ao Cedeira na segunda xornada da Primeira Futgal, tras caer por dous goles a cero nun encontro condicionado pola efectividade local e o proceso de axuste que aínda vive o conxunto fenés. Os goles locais chegaron nos compases finais de cada período (minutos 10 e 85), castigando o esforzo dun Maniños que mantivo o choque controlado por momentos.O adestrador do Maniños, Adrián Martínez, analizou o encontro destacando que o equipo executou en gran parte o guión previsto ante un rival con moito xogo combinativo:

"Estivemos serios no aspecto defensivo e, cando estabamos empezando a sentirnos cómodos, chegou o seu primeiro gol nun balón ás costas da liña defensiva cun centro á área". A pesar do golpe, o técnico sinalou que o partido estivo "bastante controlado, con poucas accións ofensivas por parte deles", e que o Maniños dispuxo de varias opcións para materializar que non se definiron do mellor xeito, incluído un córner na recta final do choque. O definitivo 2-0 chegou a falta de cinco minutos para o final, froito do cansazo e de que o Cedeira logrou atopar un espazo interior

Un proxecto en fase de aprendizaxe

Cun balance de dúas xornadas disputadas, Martínez asume con naturalidade que o equipo está "en construción" e que esta tónica manterase durante as vindeiras semanas. O reto non é só axustar as pezas, senón tamén a adaptación de varios futbolistas novos na categoría: "Teñen que ir pouco a pouco pillando o ton físico e o ritmo. Entre a primeira xornada e a segunda xa se viu unha mellora nese aspecto", apuntou.

Para o técnico, a prioridade máis urxente pasa por gañar intensidade e agresividade nos balóns divididos, algo vital nunha categoría moito máis física da outra da que proceden moitos dos seus xogadores. O seu desexo para esta campaña céntrase no traballo diario: "O que lle vou pedir ao equipo é que a liña sexa ascendente no traballo e que se vexa un equipo recoñecible. Teño claro que este grupo vai ir a máis ao longo do ano polo seu compromiso e asistencia aos adestramentos".

Próxima parada: Sporting Coruñés no Pote

O Maniños xa mira cara á terceira xornada, onde recibirá na casa ao Sporting Coruñés. Adrián Martínez recoñece que teñen poucas referencias directas do rival, máis alá de saber que mantén o bloque do ano pasado —no que sufriu para adaptarse á categoría tras o seu ascenso—. Con todo, o preparador ten clara a folla de ruta: "Temos clara a maneira na que temos que xogar. Buscaremos seguir medrando a partir desa idea, amosar na casa unha mellor cara que a semana pasada e ir a por todas a pola vitoria".

 

 

Fotografía Xan Xe

 

Deportes

Publica o teu comentario agora