En Galicia falta auga

En Galicia falta auga
22 de Maio, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Chamada á responsabilidade individual na defensa do medio ambiente e a loita contra o cambio climático a que fixo o biólogo e delegado da Sociedade Galega de Historia Natural en Ferrol, Xan Rodríguez Silvar en Radio Fene. “Hai cincuenta anos pensabamos noutros problema ambientais, que aínda seguen a selo, pero non pensabamos nos plásticos nin no cambio climático que está afectando á vida”, sinalou. E advertiu da gravidade que supón a falta de auga, tamén en Galicia. Xoán Rodríguez Silvar foi o convidado esta semana no espazo Radio Animal.

ESCOITA O PODCAST:

“Hai xente inocente que pensa que en Galicia non temos problema de auga”. Están nun erro, avisou Rodríguez Silvar. Importante labor o que realiza a Sociedade Galega de Historia Natural, que este ano cumpre medio século de vida.  Xan Rodríguez Silvar fixo balance dos cincuenta anos de historia da entidade ambientalista decana de Galicia, que tivo moi boa acollida desde o primeiro momento en Ferrolterra. De feito, esta é a delegación máis numerosa, case a metade dos máis de 500 socios da SGHN son de Ferrolterra. Desde 1973 levan estudando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego. Froito dese labor  é o Museo de Historia Natural de Ferrol que desde hai uns días expón novos materiais. Tratase da reprodución e o esqueleto da candorca que varou en Burela en 2002. Unha femia vella e xorda.  “O exemplar que temos é unha candorca seguramente moi importante para o seu grupo. Podemos vela cos seus dentes desgastados. É unha honra podela ver aí. Son animais mariños pero máis próximos á nosa mellor cara humana”, detalla o biólogo, que foi profesor de secundaria no IES Sofia Casanova de Ferrol e delegado da Sociedade Galega de Historia Natural. Era a líder dunha manda que quedou pola zona ata que ela finou. “Cando lle fixeron a necropsia atoparon na zona da cabeza un montón de perdigóns de postas, ese tiro seguramente a deixou xorda, pero a manda debeu axudala, ao chegar a Burela meteuse no porto, os catro membros da manda esperaron a que ela morrera”. Pero o Museo, situado na Casa do Coronel no barrio ferrolán de Canido, exhibe moitas pezas de interese. Entre os seus fondos hai, por exemplo, unha colección de 3.000 de cunchas de Filipinas.

Sociedade

Publica o teu comentario agora