En marcha co deporte

En marcha co deporte
13 de Agosto, 2021 - 10:26 h. | Publicada por Radio Fene

O prazo de matrícula nas escolas deportivas de Fene estará aberto do 9 ao 24 de setembro. Débese pedir cita previa para facer o trámite, que se centralizará no pavillón da Xunqueira. As veces poderán solicitarse a partir do 1 de setembro chamando ao 981 492 804 ou ao 607 626 812. As actividades comezarán ao longo da primeira semana de outubro.

Primeira Olimpiada de Fene. 1977

Ofértanse escolas de baloncesto, atletismo, pilates, zumba, natación, patinaxe, karate e judo. Tamén se ofrece baile moderno, educación física contra a fatiga oncolóxica, ximnasia rítmica, acondicionamento físico e pequedeporte.O calendario de inscricións nas distintas disciplinas está organizado en dúas quendas, unha do 9 ao 20 de setembro para persoas empadroadas ou escolarizadas en Fene e outra do 21 ao 24 de setembro para o resto de usuarias. En calquera caso, antes de acudir ao pavillón da Xunqueira para facer a solicitude haberá que concertar cita dentro dos horarios de atención das instalacións durante a semana. Desde o xoves 9 até o venres 24 a oficina atenderá polas mañás entre as 8.30 e as 14.00h. Ademais tamén atenderá polas tardes, de 16.30 a 19.00h, o propio día 9 e o 14, 15, 16, 21, 22 e 23 de setembro. Cada persoa que acuda facer o trámite poderá anotar aos membros da súa unidade familiar e a outra persoa máis. Desde o departamento de Cultura e Deportes recordan que, unha vez comece o curso, só se admitirán novas matrículas se hai prazas libres en cada disciplina ou se se producisen baixas. Á hora de solicitar a matrícula nas escolas e obradoiros municipais haberá que presentar o carné do ano anterior e asinar, de ser o caso, a orde de domiciliación bancaria para o pagamento das actividades, a opción máis cómoda. Se se trata de novas inscricións tamén haberá que achegar a fotocopia do caderno da Seguridade Social ou da tarxeta sanitaria, fotocopia do DNI ou Libro de Familia, unha foto tamaño carné e, quen domicilie, tamén a orde de autorización dos cargos -a folla facilítana na oficina- e a copia dun recibo onde consten os datos bancarios con todos os díxitos da conta.Para a matriculación en cursiños haberá que cubrir a ficha correspondente e, unha vez confirmada a praza, efectuar o pagamento do recibo. A Concellaría de Cultura editou unha folla con toda a información sobre as escolas e obradoiros deportivos que se desenvolverán desde o 1 de outubro até o 30 de xuño repartidos polos pavillóns, a piscina e outras instalacións municipais. No documento tamén se describen os prezos de cada actividade e os descontos dos que poden beneficiarse as persoas participantes, xa sexa botando man dos bonos familiares para as escolas ou solicitando o Bono Deporte para a práctica deportiva libre e o uso completo das instalacións do polideportivo da Xunqueira e da piscina de Centieiras, que nestes momentos só teñen restrinxido o acceso á sauna por razóns preventivas da COVID-19.

Deportes

Publica o teu comentario agora