En plena campaña de modernización

En plena campaña de modernización
15 de Marzo, 2021 - 11:03 h. | Publicada por Radio Fene

O colexio Jorge Juan de Perlío ten neste momento 510 alumnos e alumnas, unha ratio media de 20 por aula. O seu director, Angel del Rio, cóntanos que están en plena campaña de modernización do centro que define como unha cooperativa de ensino.

ESCOITA O PODCAST:

Unha cooperativa de ensino

Máis de 50 anos leva o colexio Jorge Juan de Perlío instalado na localidade. Aberto en 1967, converteuse en toda unha institución como cooperativa de ensino. O seu director, Angel del Río, defíneo como un centro que trata de ser un lugar de coordinación entre todos os actores da comunidade educativa. “Pretendemos ter unha relación moi estreita cos pais, que acudan ao centro e falar moito con eles” afirma. O Jorge Juan está en plena campaña de modernización, adaptándose ás novas tecnoloxías e á situación que estamos vivindo. Unha proba diso o “Plan B” da biblioteca escolar, na que se botaron a un lado as vellas enciclopedias para dar paso a outro tipo de libros e novos aparellos tecnolóxicos. A radio escolar é outro exemplo de cambio que Angel del Río cualifica de “moi interesante”.

Conciliación

Funciona moi ben o “Bica e arrinca” que, en colaboración co concello, facilita o tráfico na contorna do centro á hora de deixar os nenos e nenas no recinto escolar. A conciliación chámase “Madrugadores” e consiste en deixar ao alumnado ás 8 da mañá no centro aqueles pais que por razóns laborais vénse obrigados a facelo. Del Rio adiantou que o próximo curso porán en marcha os “Almorzos temperáns” a partir das 7,30h. O colexio Jorge Juan dispón dun comedor que, por causa da Covid, tivo que reducir o número de comensais este curso. Son 16 na actualidade os que comen separados, segundo a aula burbulla á que pertencen. O horario de permanencia no centro para estes alumnos é ata as catro da tarde. Unha horta ecolóxica ou un equipo docente especial para necesidades especiais, son outras vantaxes deste colexio que permite a continuidade no mesmo desde a etapa infantil ata a ESO. “Permanecer no mesmo colexio durante todo estes anos é unha vantaxe para os país e nais e permite aos rapaces manter relación cos mesmos compañeiros” declara o director para quen ser unha cooperativa de ensino con profesorado maioritariamente de Fene, implica unha forma de vida e unha compenetración co que sucede arredor.

O Jorge Juan de Perlío ten neste momento 510 alumnos e alumnas, unha ratio media de 20/aula. Como o índice de natalidade sigue caendo en Fene, cabe a posibilidade de baixar a ratio. O período de solicitude de admisión, como no resto dos colexios, remata o 22 de marzo.

Cultura

Publica o teu comentario agora