En Regüela, todos roxos

En Regüela, todos roxos

17 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

En Regüela, todos roxos” disque dixo o sacerdote que levaba a parroquia de San Vicente de Regüela (Cabanas A Coruña) cando lle preguntaron os falanxistas e a Garda Civil en 1936 por elementos de esquerda a quen prender. Ao crego chamábanlle por mal nome o “Cabeza torta” e o seu enfrontamento cos veciños da parroquia viña de lonxe.

Existia o costume de preparar un xantar abundante para os sacerdotes que viñan dar o funeral cando falecia o “cabo da casa”, o home da familia. En Regüela xa tivera incidencia o movemento agrarista de comezos do século XX e os seus xovenes lían con gañas os libros que traian os veciños da parróquia que se atopaban embarcados. Na Segunda República os cregos, ao rematar unha das paparotas, apagaron os cigarros na carne que sobraba nas fontes, para que non se puidera aproveitar. Foi a pinga que rebosou o vaso. O alcalde pedáneo de Regüela Evaristo Eibe acompañado por outro xove foi falar co cura e díxolle que se acabaran as comelladas. Se querían cobrar pola misa do funeral, habería que acordar un prezo e abonalo, pero o xantar cada un na súa casa. A morte dun familiar non era momento para xoldas nen festas. O sacerdote vengouse despois de xullo de 1936 e na zona aplicouse unha represión intensiva na inmensa maioria das casas.

 

Algúns lograron escapar e integráronse na guerrilla que tiña unha das bases de operacións na zona das Fragas do Eume e por toda a área de Lavandeira. 10 anos botou no monte Manuel Eibe Vilar, quen morreu ao pé da súa casa familiar con 33 anos, o 30 de xullo de 1946. Matáronno no lugar dos Xicos, cando ía buscar unha caldereta de leite á casa da familia. Deixou muller e 1 filla de dous anos. Os seus irmáns Evaristo e José tamén escaparan ao monte fuxindo dunha morte segura.

(Continuará)

Sociedade