A enerxía de Terbutalina

A enerxía de Terbutalina
29 de Xullo, 2022 - 04:57 h. | Publicada por Radio Fene

De hoxe en dúas semanas xustas, Limodre iniciará dous días dedicados á mellor música coa celebración do Felicia Pop '22. A edición deste ano, xa sen restricións pandémicas, ten preparado un completo programa para o venres 12 e o sábado 13 de agosto no que pasarán polo escenario Los Eternos, Los Malinches, More Kicks, The Rezillos, Tesouro, Rockers go to Hell, Pelazo, The Phantom Keys, Terbutalina e Los Pepes, rematando ambos días con picadiscos. As entradas están á venda desde hai días... e tamén está listo o espazo principal do festival, o parque da Hortiña, ao que o Concello de Fene -que tamén colabora co programa- acaba de facerlle un completo lavado de cara cun investimento de 21.190 euros.

Foto: César Galdo

Os traballos, xa rematados, consistiron no adecentamento dos elementos principais do espazo. Así, ao escenario substituíronselle as planchas danadas e despois déuselle a todo unha nova man de pintura marrón -mellor integrada na paisaxe-, igual que ás varandas e aos postes dos farois que iluminan o parque.

 

Ademais tamén se aproveitou para puír e tratar cunha resina especial todo o taboado, de maneira que se asegure a súa conservación ao tempo que se lle dá máis presenza á veta da madeira. 

 

Porén, o capítulo de maior importe foi a substitución do firme da pista por un novo de formigón impreso sobre unha superficie total próxima aos 400 metros cadrados. Un traballo que foi precedido da correspondente preparación e nivelación do terreo e que se rematou co pintado en verde cunha solución antiesvaramento.

 

A suma de toda a actuación ascende a 21.190 euros, sufragados integramente con fondos propios, como parte do programa de conservación do patrimonio e dos parques e xardíns municipais. 

 

Neste sentido o consistorio acaba de remodelar o parque infantil do Souto (Sillobre) e o situado ao pé da igrexa de Limodre, cun investimento superior aos 51.000 euros, ademais de ter en marcha un amplo proxecto de mantemento e corrección de deficiencias nos 13 lavadoiros públicos que hai repartidos polo territorio, cuxo custe roldará os 25.000.

 

O Felicia Pop 2022 estreará a Hortiña

"Había tempo que facía falta unha obra en profundidade na Hortiña. Agora por fin puidemos levala a cabo, para manter o parque en boas condicións e para mellorar o seu aspecto xeral", sinala o titular de Obras, Justo Ardá.

 

Ardá, que tamén é responsable da Concellaría de Cultura, engade que o remate da remodelación da Hortiña "chega a tempo" para a celebración da próxima edición do Felicia Pop '22, que se desenvolverá no parque o venres 12 e o sábado 13 de agosto.  Unha cita á que o Concello de Fene lle achega 11.000 euros por medio do convenio nominativo suscrito coa Asociación Cultural Felicia -promotora do festival- a primeiros do mes de xuño.

 

A programación e outra información de utilidade pode consultarse na web oficial do evento, onde figura o programa dos dous días: o venres a partir da noitiña Los EternosMalinchesMore KicksThe Rezillos e sesión picadiscos; e o sábado, hora do vermú con Tesouro e Rockers go to Hell, e sesión nocturna con PelazoThe Phantom KeysTerbutalinaLos Pepes e final tamén con picadiscos.

 

As entradas poden mercarse a través desta ligazón ao prezo pouco menos que simbólico de 16,50€ polo abono dos dous días.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora