Enfermidade do medo

Enfermidade do medo
26 de Abril, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Sétimo aniversario do Grupo 24 Horas Alcohólicos Anónimos Ferrolterra. Vano celebrar este sábado, día 29. “Festexamos estar vivos, haberá unha xunta seguida dun xantar”. De momento, contan con arredor de 150 asistentes, pero pode ir calquera persoa interesada. So ten que aparecer, este sábado, ás 12, pola Asociación veciñal Santa Mariña, en Ferrol. Sen intermediarios, alí compartiranse experiencias de primeira man. Na Fenestra de Radio Fene falamos con membros do Grupo 24 Horas Alcohólicos Anónimos Ferrolterra 

ESCOITA O PODCAST:

“Dar información do propio alcohólico, compartir as experiencias do sufrimento que vivíamos e falar do que se fai nun grupo de alcohólicos anónimos para deixar de beber”, anuncia Manuel. “Non é cuestión de que che digan os demais, o problema é se ti queres deixar de beber e non podes. Eu nunca quería beber, ao final tíñalle medo ao alcol”, conta a súa experiencia María. O Grupo axuda a saír da enfermidade do medo cando un non atopa saída. Así o logrou Miguel, “o primeiro é darte conta do problema que tes e querer, porque se non quere deixar de beber é complicado, eu cheguei ao grupo porque estaba canso da vida que levaba, empecei beber moitos medos”. O Concello de Fene dá apoio informativo ao Grupo 24 Horas Alcohólicos Anónimos Ferrolterra. Valora o seu labor coas persoas que teñen esta enfermidade. “Conmoveunos a súa forma de traballar, polo apoio emocional que dan, é un recurso fundamental en Fene, porque en todas as poboacións hai persoas con esta grave enfermidade”, destaca a técnica municipal Pilar Couce.“Segue sendo unha enfermidade moi axuizada, alcoholismo e vicio non é o mesmo”, aclara a técnica municipal.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora