Enterrado durante douscentos anos

Enterrado durante douscentos anos
25 de Outubro, 2021 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Unha imaxe de Santiago Sedente permaneceu durante douscentos anos enterrada na igrexa de Santiago de Pontedeume. Trátase dunha estatua de granito policromado de finais do século XIV atribuida á escola do Mestre Mateo. A realización dunhas obras en 1758 motivou a súa retirada do lugar preferente do templo. "Resucitou" en 1960 cando Manuel Chamoso Lamas dirixiu unha nova reforma do templo. 

Santiago Sedente. Pontedeume

O Santiago Sedente de Pontedeume foi moi estudado polo profesor Serafín Moralejo. E unha imaxe románica, da escola do Mestre Mateo, pero con naturalismos xa propios do século XIV, como os caracoliños no pelo. A imaxe estivo durante case douscentos anos enterrada debaixo do altar. En 1763 coa obra do arcebispo Raxoi decídese ubicar un templete barroco na capela maior da igrexa Retiran da parte principal do retablo, unha estatua románica porque a súa estética non ia cos tempos. Como era o patrón, en sinal de certo respecto, gárdase debaixo do altar. En 1960 cando se retira o templete recupérase a imaxe. 
Carlos de Castro realizou unha recompilación moi exhaustiva de documentos e información relativa ao retablo. Na actualidade o catedrático da Universidade de Santiago Juan Monterroso realiza un estudo estilístico que vai completar ese traballo. O retablo moi posiblemente foi patrocinado por Fernando de Andrade. Co seu mecenazgo, construíuse en 1530. 
Inclúe seis táboas hispano flamencas, de madeiras de castiñeiro, co ciclo da Paixón de Xesús, unha Anunciación e un San Miguel. Hai tamén lenzos posteriores incorporados noutros momentos históricos. 

 

Cultura

Publica o teu comentario agora