Enterrar o espirito da guerra

Enterrar o espirito da guerra
16 de Outubro, 2026 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de San Sadurniño inicia este sábado o programa "Enterrar o espirito da guerra e os discursos de odio" que pretende recuperar a memoria das vítimas da ditadura e fomentar actividades participativas para a recuperación da historia oral. "Apañabamos pinas no pico de Ferreira ou en Piñeiros e logo as levábamos nun carro a vender a Ferrol" relata un veciño de Naraío nacido en 1929.

Fotografía cedida por Victor Rico

O proxecto “Enterrar o espírito da guerra e os discursos de odio” incluirá, ademais das actividades de divulgación, un obradoiro de elaboración de podcast no que poderá aprenderse a elaborar un produto radiofónico en formato podcast a través dunha experiencia de investigación sobre a memoria histórica do concello. Unha iniciativa que, segundo explican desde EMUGA, "contará coa complicidade da veciñanza de San Sadurniño que será imprescindible para colaborar na recuperación dos coñecementos sobre a memoria histórica local que as familias coñecen e conservan".

O primeiro dos actos está previsto para as 19:00h deste sábado 17 de outubro no local social de Naraío e estará aberto a todas as persoas interesadas. O historiador Henrique Sanfiz falará alí sobre “Os sucesos de Naraío”, título que abarca o ataque da guerrilla antifranquista ás instalacións de Electra del Narahío en agosto de 1945 e as brutais represalias tomadas polas autoridades daquel entón que, ao parecer, tiveron como consecuencia, tres anos despois, a tortura e asasinato de dous veciños da parroquia detidos pola brigadilla da Garda Civil.

 

Na imaxe o crego Daniel Porto e o mestre Don Arsenio.

Institucional

Publica o teu comentario agora