Entre os cen mellores libros do ano

Entre os cen mellores libros do ano
04 de Xaneiro, 2023 - 04:37 h. | Publicada por Radiofusión

The last days of Terranova, de Manuel Rivas, é seleccionado como un dos 100 mellores libros do ano por The New York Times. Nunha reportaxe publicada polo periódico americano, a edición para Estados Unidos de O último día de Terranova  aparece entre outros 99 títulos que abarcan temas como a resistencia feminista ou os imperios da Idade Antiga.

Manuel Rivas. Manifestación en Ferrol. 1 de decembro de 2013

A novela de Manuel Rivas foi publicada en galego por Xerais en novembro de 2015. Foi Premio da Crítica nese mesmo ano e Premio Gala do Libro Galego na categoría de Narrativa en 2016. Dende entón, foi traducida a multitude de linguas. En 2022
chegou ás librarías estadounidenses a través da editora Archipelago Books, traducida do galego ao inglés por Jacob Rogers. A crítica literaria estadounidense acolleu a obra con entusiasmo e destacou «as frases que arden de filosofía e de beleza ben traballada». Ademais, definiu a novela como «un miradoiro para albiscar a melancolía e o éxtase dos personaxes e da súa cultura».
A novela conta a historia da libraría Terranova, onde de súpeto aparece no escaparate o letreiro da liquidación total de existencias por peche inminente. Cando chega o ultimato e se pon en marcha o proceso de desafiuzamento, Vicenzo, o libreiro, revive a propia historia e a da libraría, mentres tenta facer fronte á especulación e ao que el chama o Imperio do Baleiro. Terranova é un lugar de emoción e memoria. Foi porto de desembarco de libros descoñecidos ou prohibidos, unha especie de Ítaca entre Europa e América, un territorio de liberdade secreta no franquismo, onde as «botellas ao mar» do exilio retornan, en xeito de libros, en maletas e baúis de emigrantes.
O último día de Terranova é unha novela de enxeño multiforme onde conflúen os xéneros literarios entrelazándose a serie negra, o humor da poética surrealista mesturado co da oralidade popular, e un realismo tan a rentes do chan como  transcendente.
Medalla ao Mérito nas Belas Artes
Do mesmo xeito, o autor da Coruña rematou 2022 sendo condecorado coa Medalla ao Mérito nas Belas Artes, que outorga o Consello de Ministros do Goberno de España a persoas cunha dilatada traxectoria vencellada á creación artística. 

Sobre o autor
Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é escritor e xornalista. A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como narrador ten publicado: Todo ben (1985); Un millón de
vacas (1989), Premio da Crítica Española; Os comedores de patacas (1991); En salvaxe compaña (1994), Premio da Crítica Galicia; Que me queres, amor? (1996), Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa; Bala perdida (1996); O
lapis do carpinteiro (1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); Ela, maldita alma
(1999); A man dos paíños (2000); As chamadas perdidas (2002); Contos de Nadal (2003); Os libros arden mal (2006), Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor
Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega; Todo é silencio (2010), As voces baixas(2012), O último día de Terranova (2015) e Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018). Tamén é autor dunha extensa obra xornalística e poética en lingua galega. É codirector da revista «Luzes».

Cultura

Publica o teu comentario agora