Entrega virtual dos Premios Curuxa 2020

O acto convértese nun encontro virtual cos gañadores da XXIV edición
16 de Novembro, 2020 - 01:10 h. | Publicada por Radio Fene

O próximo venres 20 de novembro ás 20.00 horas retransmitirase en streaming a entrega de premios, comenzando cun percorrido para exposición que se pode ver no Museo do Humor ata o fin deste ano.

O Concello de Fene promoverá este venres, ás 20 horas, un encontro virtual cos gañadores do XXIV Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, adaptando así a cerimonia de entrega dos premios ás actuais circunstancias derivadas da pandemia da Covid 19. Tomarán parte neste encontro os gañadores: Sebastià Martí Benedí (1º Premio Curuxa), Robert John Holt Schmelzer (2º Premio Curuxa), Hugo Feal Dopico (1º Premio Curuxa Nova) e Luciano Ripio Molina (2º Premio Curuxa Nova), xunto co alcalde de Fene, Juventino Trigo, o concelleiro de Cultura, Justo Martínez Arda, e os voceiros dos distintos grupos municipais de Fene.

A entrega virtual dos Premios Curuxa 2020 retransmitirase en “streaming”, en tempo real, a través da páxina de Facebook do Museo do Humor (https://www.facebook.com/ museodohumorfene/) e comezará cun percorrido pola exposición dos Premios Curuxa que se amosa na actualidade - até finais de ano- na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene. O acto contará ademais cunha pequena intervención do actor e contacontos Avelino González (que ía actuar o pasado venres en Fene no acto de entrega “presencial” dos premios que o Concello de Fene suspendeu por mor do agravamento da situación sanitaria na bisbarra e das novas restricións implantadas pola Xunta de Galicia).

Trala retransmisión en directo do acto, a entrega dos Premios Curuxa 2020 colgarase na canle de Youtube do Concello de Fene e Museo do Humor e difundirase a través da web e redes sociais municipais.

Cultura

Publica o teu comentario agora