Esperanza contra o cancro

Esperanza contra o cancro
03 de Febreiro, 2023 - 11:50 h. | Publicada por Radio Fene

“Aumentou moitísimo a supervivencia”. Mensaxe esperanzador transmitida en Radio Fene pola oncóloga Rocío Vilchez, especialista do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Conversamos con ela na Fenestra na véspera da celebración do Dia Mundial contra o Cancro, que se conmemora este sábado, día 4 de febreiro. 

ESCOITA O PODCAST:

Diminúe a mortalidade e mellora a calidade de vida das persoas que padecen cancro. “A medicina avanzou moitísimo, agora temos tratamentos moi dirixidos, centrámonos máis na célula”, informa a doutora Vilchez. Os tratamentos son diferentes para cada enfermo. “Pode que un teña uns receptores na superficie da célula que o paciente do lado, coa mesma diagnose, non os ten, dependendo diso eliximos o tratamento”, explica a especialista. “É moi diferente a evolución e a supervivencia de cada paciente aínda que teñan a mesma diagnose”, indica. Hai moitos cambios coa inmunoterapia, “estamos na fase na que empezamos ver supervivencias a largo prazo, algo que non se pensaba hai anos”. “Cambiou moito a forma de ver estas enfermidades, a evolución e a calidade de vida porque son tratamentos moito menos tóxicos, ao ir dirixidos fronte a eses receptores os efectos secundarios son máis tolerables e iso é moi importante porque non é so aumentar a vida senon tamén de ter calidade de vida”.

Na muller os máis frecuentes son os cancros de mama, seguido do colon, e posteriormente o pulmón e os xinecolóxicos. E no home próstata, seguido de colon e pulmón. A área sanitaria de Ferrol presenta máis casos que outras zonas de mesotelioma, un cancro xenerado pola exposición ao asbestos. Hai tamén moitos casos de tumores cutáneos como os melanomas, sobre todo pola exposición ao sol de persoas que traballan no campo. Rocío Vilchez destaca que a detección precoz pode marcar a diferencia entre a vida e a morte. “O aumento da supervivencia débese a catro factores: prevención, diagnóstico precoz con cribados de cancro de mama e colorrectal, avances terapéuticos e a hábitos de vida sen alcol, tabaco,  dietas saudables e exercicio físico”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora