Están á venda as entradas para Chévere

As entradas véndense xa na billeteira do teatro Xofre ou na web ferrol.es
17 de Setembro, 2020 - 11:18 h. | Publicada por Radio Fene

Curva España, de Chévere, abre a programación cultural do Teatro Xofre de Ferrol. Actúan o venres 18 ás 20.30h. O concerto de James Rodes, previsto para o sabado 19, aprazouse ata abril.

Xaora, o Teatro Xofre puxo á onte as entradas para acudir ao primeiro espectáculo cultural tras o confinamento. Teatro do bo para retomar unha nova temprada marcada polas medidas especiais do Covid19. O aforo vése reducido ao 75%. O veterán grupo de teatro Chévere achegase ao teatro ferrolán o venres 18 ás 20.30 horas coa última peza “Curva España” protagonizada por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, parella de actores deslumbrante na película de Jorge Coira “Eroski Paraíso".

Nos últimos anos Chévere realizou unha serie de traballos que exploraron as posibilidades do teatro-documento e a memoria colectiva como desencadeantes dunha ficción teatral (Citizen, Eurozone, Eroski Paraíso...). Este novo proxecto é un paso máis para afondar nos mecanismos narrativos que xorden na fronteira entre a realidade e a ficción, entre a historia e a lenda, entre a pantalla e o escenario. Parten dunha historia moi local. Nesta ocasión trátase dun relato que se foi transmitindo oralmente de xeración en xeración entre a xente da comarca de Verín (Ourense) durante os últimos noventa anos. Recolleron in situ os testemuños da xente, os seus recordos. Rexistraron todo este traballo en gravacións sonoras ou en vídeo. E con todo este material metéronse no local de ensaios para darlle forma teatral, sen saber exactamente a onde chegarían.

Curva España 

Curva España trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores e as súas motivación. Partindo de distintas versións sobre o caso, Chévere artella unha peza que bebe do xénero policial, ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo. Curva España é a traslación á escena dun deses documentais sobre casos sen resolver que inzan as plataformas de contidos audiovisuais tipo Netflix ou HBO. O escenario funciona coma un plató no que se van executando, gravando e editando en directo as distintas secuencias nas que se estutura a historia. Unha historia que dá para falar da España Baleirada, das consecuencias da Lei Mordaza, da unidade nacional ou de como a xente constrúe narrativas alternativas á historia oficial. Pódese describir como un thriller documental ou unha autoficción, sen renunciar a seguir facendo un teatro político que fala de nós mesmos e de como as promesas incumpridas do pasado afectan ao presente.

Nesta ocasión tamén están en escena, Lucía Estévez, Leticia T. Blanco, que se ocupan da gravación e realización de vídeo en directo. Ademais, conta coa participación de Fidel Vázquez(iluminación), Óscar Villán, Iván Suárez(espazo gráfico),Xacobe Martínez Antelo(espazo sonoro),Renata Uzal(vestiario) e Inés Portela(produción).

Concerto de James Rodes.

Aprazouse de novo a actuación do músico James Rodes, prevista para o sabado 19 de setembro no teatro Xofre. As entradas son válidas para a nova data do 10 de abril de 2021. Quen desexe a devolución pode pedila ata o 24 de setembro escribindo a devoluciones@ataquilla.com

 

Cultura

Publica o teu comentario agora