Estourou Pontedeume. Alá van as Peras.

Estourou Pontedeume. Alá van as Peras.

11 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Estourou Pontedeume ás 12 da pasada noite. Durante 30 minutos os ollos dos milleiros de visitantes ao Combate Naval non baixaron do ceo. Luces e máis luces de cores iluminaron o ceo eumés, nunha das noites máis concurridas das Festas das Peras que hoxe rematan coa baixada ao rio Eume.

Dende o peirao, dende o monte de Breamo, dende a ponte, dende o areal de Cabanas ou dende as Fragas. Dende todos os ángulos son milleiros as persoas que asisten cada ano- e este non foi unha excepción- a contemplar o combate naval que se libra dende un barco apostado na ría e o torreón dos Andrade, no centro da vila.
 
Pero hoxe é outro dia, o último dia. Uns en piragua e outros a pé, o caso é pasar o último dia das Peras a carón do río. Os 27º de temperatura máxima prevista para hoxe garante a afluencia de xente á romaría que acaba, como todas, coas vestimentas pintadas de viño. Así chegarán "os do río" esta noite á última verbena na Alameda de Raxoi, amenizada pola orquestra Bámbola. Alá van as Peras, as festas que anuncian a chegada do outono en Ferrolterra. A virxe das Virtudes e Santo Nicolás Tolentino quedan honrados por este ano.

Sociedade