Estratexias para reducir o lixo

Estratexias para reducir o lixo
27 de Setembro, 2021 - 12:35 h. | Publicada por Radio Fene

Leva alí dez anos. O composteiro comunitario das vivendas do Castro en Perlío cumpriu ese aniversario no pasado mes de abril. Aspaneps xestiona a instalación e utiliza o produto como abono orgánico na súa horta ao pé da igrexa. Mañá martes, técnicos de ADEGA participarán nun acto ás once e media da mañá no centro ocupacional de Aspaneps para continuar mellorando o proceso.

ESCOITA O PODCAST:
Xabier Picos,do Centro Ocupacional de Aspaneps

Se nós somos quen de reter o CO2 dos nosos alimentos na terra, é menos CO2 que vai á atmosfera, segundo explicou o educador de ASPANEPS Xabier Picos. Ao composteiro deben ir residuos orgánicos e restos de poda ben troceados. Non debe aportarse moita cantidade do mesmo produto. O impropio tamén é a cantidade de algo. Un composteiro de 1.400 litros, 5 de 320 para a maduración, unha área de material estruturante e un panel informativo compoñen a área de compostaxe das vivendas do Castro. Alén da redución de residuos as persoas séntense protagonistas da reciclaxe. Obteñen un produto útil e de calidade. Recupérase colectivamente o ciclo da materia orgánica.Da horta á mesa e da mesa ao composteiro. Se aos verquidos orgánicos, lle metemos tamén os residuos de poda, mellora moito a calidade do esterco.  O concello de Fene colabora coa área de compostaxe das vivendas do Castro. No acto de mañá entregaranse uns cubos para facilitar o transporte desde a vivenda á área de compostaxe, indicou a concelleira de Medio Ambiente Marta Pereiro. Reducir, re-utilizar e reciclar. Facer un consumo sostible. A xente está cada vez máis concienciada co tema do reciclaxe, apunta a concelleira de Servizos Mar Piñeiro.

 
Ampliar compostaxe comunitaria

O Concello de Fene quere ampliar e instalar áreas de compostaxe comunitaria en todas as parroquias. En San Valentín o Concello aínda ten por decidir o lugar concreto no que se ubicará o composteiro. En Sillobre xa se preparou unha area para o composteiro comunitario. Ademais desta area de Perlío, o Concello de Fene repartiu no pasado mes de xuño 30 composteiros entre veciñanza interesada. Desde mañá martes ADEGA visitará eses fogares para realizar un seguimento do proceso de compostaxe. Na zona das vivendas do Castro de Perlío diminuíu bastante a bolsa do contedor verde. Ao usar a area de compostaxe, redúcese o lixo que recolle o servizo municipal. O composteiro comunitario de Perlío comezou a funcionar hai dez anos. O centro ocupacional de ASPANEPS continua xestionando a zona e vixiando a correcta descomposición da materia orgánica. Non produce cheiros e en seis meses lograremos un bo abono orgánico para a horta ou para as macetas. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora