Estreamos podcast

Estreamos podcast
11 de Decembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un crime, un home estraño, un policía e unha xornalista. Un ano convulso, cheo de intrigas políticas. Unha cidade rexida por Domingos Merino. Todo iso ten o podcast que Radio Fene e Radiofusión estrean o próximo martes 15 de decembro. Trátase da adaptación da novela de Antonio Tizón "Un home estraño", con guión do propio autor e dirección de Eugenia Sanmartín.

ESCOITA O PODCAST:

Levamos a novela de Antonio Tizón Un home estraño á radio. O propio autor foi o encargado do guión, a adaptación radiofónica foi dirixida por Eugenia Sanmartín e música de Miro Casabella. Radio Fene emitirá os 13 capítulos a diario, ás 10.00h e ás 15.00h. O podcast colgarase en paralelo na web de Radiofusión. O argumento de Un home estraño suma dúas tramas paralelas; unha policial que parte da investigación do crime dun arquitecto municipal de A Coruña por parte do comisario Sánchez Pereiro, e a trama existencial que rodea a investigación dunha xornalista que tenta pescudar quen é un home estraño que frecuenta as rúas da cidade. Trátase pois dunha dobre investigación que discorre paralela e que converxe nun determinado momento.

A adaptación á radio

A adaptación da novela á radio non foi doada. En palabras do autor da novela e tamén do guión radiofónico, o traballo literario é un traballo en solitario mentres que o radiofónico é un traballo en equipo. Entre os cambios máis significativos que apunta Antonio Tizón está a eliminación dun dos narradores pois a novela tiña dous. Tamén houbo que engadir cousas que non estaban na versión en papel como a “tensión sexual entre o policía e a xornalista” para darlle máis emoción á historia.

O marco histórico

É importante sinalar que o marco histórico de Un home estraño é a transición española, en pleno debate do Estatuto de Autonomía. Estamos no ano 1980 no que Tizón inclúe a tensión política, o ruído de sables, a manía dos militares por meterse en política, o ano das 100 vítimas de ETA, a operación Galaxia, as vésperas do frustrado golpe do 23 F. Paralelamente é o ano da creación da Asociación de Enfermos Mentais da Coruña, a terceira de España, e o ano no que se bautiza a doenza “trastorno bipolar”. “Un ano interesante por moitas razón” secunda Tizón.

O equipo radiofónico

A segunda novela da saga que Antonio Tizón dedica ás enfermidades mentais a través de tramas policíacas chega á radio baixo a dirección de Eugenia Sanmartín, excelente directora teatral que conta cun non menos excelente plantel de actores e actrices conformado por Helga Méndez, Óscar Gaez, Franki Muíño, Luís Pillado e Roger de Flor. Colaboran Cándido Barral e Leo Toral. A dirección técnica é de Xavier Fernández Francisco.

Público

A adaptación radiofónica vai dirixida a todos os públicos, á xente que viviu esa época politicamente tan convulsa e á mocidade que debe coñecer como foron as cousas antes de chegar a onde estamos. A fin de contas só pasaron 40 anos. O podcast Un home estraño estréase o martes 15 de decembro, ás dez da mañá e ao remate do informativo das dúas e media da tarde no 107.7 da FM. Colgarase desde ese mesmo día o podcast de Un home estraño na web de Radiofusión.

Cultura

Publica o teu comentario agora