A estrela de espiñas

A estrela de espiñas
30 de Xaneiro, 2021 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Xa din que o marisco nos meses con "r". Agora é o momento máis recomendable para comer unha boa centola sen quedar " arruchi" Despois do Nadal, este é o momento no que é mais asequible facerse con este delicioso manaxar.

A centola é un cangrexo grande de dez patas (ás veces pode estar coxa). O aspecto non é moi amigable pero aínda así é moi apreciada nas rías galegas. Preguntábase Cunqueiro “canta fame deberon pasar os nosos avós antes de atreverse a xantar uns bichos tan feos”. A natureza é moi sabia e para defendela dos depredadores, failles envoltos pouco atractivos. Iso pasa coa centola ou “Maia squinado”. Maia é a estrela máis fermosa das sete Pléiades. O de squinado ven das espiñas. Ou sexa que estamos diante da "estrela de espiñas" ou tamén da "araña de mar" como lle chaman outros. Para os gregos é o símbolo da prudencia porque se agocha para cambiar a casca e así medrar nos meses cálidos. A centola dise en feminino como sucede co mar entre algúns mariñeiros.

Neste bicho distinguimos facilmente o sexo pola cuncha que ten entre as patas, máis ancha no caso das femias e máis estreita no caso dos machos. Disque no outono están mais sabedores os machos e a finais de ano as femias, cando desovan. Máis segredos sobre as centolas: As femias son moi listas, acumulan por separado o esperma das diferentes cópulas para elixir o gameto máis apropiado. O mais raro que soubemos é que se dében matar antes de cocelas para que non se desprendan as patas. Mátanse obrigándoas a beber vinagre con sal ou afogandoas en auga doce. Á hora de comela, a centola cómese coas mans e móllase co pan no cacho. Xa dicía Emilia Pardo Bazán que era moi difícil xantar unha centola en público. 

A centola ten varios sabores para degustar. En palabras de Álvaro Cunqueiro, as patas maiores, a carne interior, as patas pequenas e o cacho que, se ten corais, é moito máis saboroso. Pódese prepar a centola en salpicón ou changurro pero o mais sensato para unha boa centola do país é cocela, a poder ser na auga do mar, sen mais. E sempre con amigos e viño branco da terra, ribeiro, alvariño ou godello.

Cultura

Publica o teu comentario agora