Exitoso balanzo do programa Ordes Recicla

Exitoso balanzo do programa Ordes Recicla

13 de Abril, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O concello de Ordes, a través da concellería de Medio Ambiente, fixo balanzo dos resultados obtidos a través do seu programa “Ordes recicla” durante os últimos anos. Programa que experimentou un importante pulo grazas ás numerosas campañas de sensibilización e información levadas a cabo desde o Departamento Municipal de Medio Ambiente e orientadas a todo tipo de idades e todos os públicos.

A todas estas actividades hai que sumar a experiencia piloto de compostaxe levada a cabo por este departamento, que contribuiu á unha menor cantidade de residuo orgánico xestionado nos domicilios dos veciños e veciñas participantes na iniciativa. 

Desde o año 2007 xestionáronse máis de 62.000 quilos de plásticos agrícolas, dos que 46.570 se recolleron e xestionaron o pasado ano 2010 grazas ao sistema de recollida a demanda deste residuo posto en marcha no municipio ordense. Tamén se observou un aumento considerable na cantidade de Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos xestionados neste municipio, desde que o RD 208/2005 entrou en vigor (con máis de 18.500 Qgs destes residuos). Destes 14.500 Qgs recolléronse e enviáronse a xestor no ano 2010 coincidindo coa adhesión voluntaria do Concello ao Convenio Marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e as Entidades Xestoras dos Sistemas Integrados de Xestión de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, sendo esta entidade a primera en asinar este convenio. A evolución do papel cartón xestionada nos últimos anos foi en aumento, rexistrándose máis de 160 toneladas.  

Igualmente, na recollida de vidro produciuse un aumento de  residuo xestionado nos últimos anos sendo máis de 1.246 as toneladas xestionadas. 

Coas recollidas mensuais porta a porta de enseres voluminosos e chatarra postas en marcha lévanse xestionados máis de 45.160 Qgs nos dous últimos anos. 

Esta concellería tamén foi unha das primeiras en pór en marcha un sistema de recollida de aceite doméstico no municipio. Desde entón, xestionáronse máis de 5.800 Qgs deste residuo coas numerosas vantaxes medioambientais que esto conleva.

Todas as parroquias do municipio dispoñen desde o pasado ano 2009 de Illas Verdes, infraestruturas coas que se pretende proporcionar ás diferentes parroquias dun servicio integral de recollida selectiva dos residuos sólidos.

Un gran reto para este departamento foi a clausura de todos os verquedoiros incontrolados existentes no municipio.

Ademais, o concello dispón dun servizo propio de recollida selectiva de pilas. Actualmente un total de 41 establecimentos públicos do municipio (centro de saúde, institutos, colexios, supermercados, estancos, librarías, etc) dispoñen dun colector de pilas facilitado polo concello que se encarga de recoller este tipo de residuo altamente contaminante para darlle una correcta xestión.

Outro dos grandes logros deste departamento foi a redución en máis dun 15% a cantidade de impropios na recollida de envases no último ano. 

A todos os sistemas de recollida selectiva citados hai que sumar a de residuos de telefonía móbil, CDs e DVDs implantadas no Concello no ano 2009 e que conta con contenedores fixos na casa consistorial e outros contenedores itinerantes polos distintos centros educativos.

Segundo palabras do edil de Medio Ambiente, Jesús Pedreira, “os datos recollidos amosan unha alza importante na colaboración e concienciación dos nosos veciños e nosas veciñas que nos complace enormemente. Desde o Departamento de Medio Ambiente seguiremos traballando no programa Ordes Recicla para que os datos rexistrados sexan cada vez máis positivos”

Sociedade