Experiencia pioneira

Experiencia pioneira
05 de Setembro, 2024 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Un proxecto para a creación de espazos seguros e inclusivos no entorno escolar bota andar en Ferrolterra, coa participación de seis concellos e de centros educativos da zona. Trátase do Laboratorio de Apoderamento LGBT+ proxecto financiado pola Deputación de A Coruña e impulsado pola cooperativa Rexenerando. Martín Vázquez Añel explicou a iniciativa en Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

As agresións por causa de orientación sexual ou identidade de xénero ocupan o primeiro posto entre a mocidade menor de 18 anos, segundo as estatísticas do Ministerio de Interior. Estes datos avalan a necesidade de sensibilizar no respecto á diversidade sexual e facer dos centros educativos un espazo no que todas as persoas se sintan seguras. Con este obxectivo bota andar o Laboratorio de Apoderamento LGBT+ que promove a cooperativa Rexenerando como promotora do proxecto, co apoio financeiro da Deputación da Coruña. Esta experiencia pioneira foi presentada no Concello de Fene nun acto ao que asistiron as responsables de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e no Concello de Fene, Sandra Permuy, e representantes dos outros cinco municipios participantes, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño, así como profesorado do IES de Fene, IES de Catabois, o IES Terra de Trasancos, o IES Fernando Esquío e o CPI San Sadurniño e CPI Atios, participantes nesta primeira edición. A través do LAB desenvolverase traballo con alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato dos centros participantes, pero tamén traballo coas educadoras e familias e coas técnicas dos Concellos, creando así unha rede sensibilizada que poida traballar e apoiar as necesidades da mocidade dende distintos ámbitos.

Sociedade

Publica o teu comentario agora