EXPOMAR preséntase en Santiago de Compostela e comezará o 19 de maio en Burela

EXPOMAR preséntase en Santiago de Compostela e comezará o 19 de maio en Burela

10 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Hoxe o rexedor de Burela e presidente da Fundación Expomar Alfredo Llano, acompañado pola concelleira do Mar, Remedios López Villar, asistiu en Santiago á presentación da XIV feira monográfica náutico pesqueira Expomar 2011, que se desenvolverá na nave de redes en Burela do 19 ao 22 de maio. Llano confirmou que Expomar será presentada no Concello de Burela o vindeiro venres ás 12:15 horas.

A Consellería do Mar impulsará o consumo dos produtos pesqueiros de Galicia na feira Expomar que se celebrará en Burela do 19 ao 22 de maio. O departamento que dirixe Rosa Quintana estará presente neste evento especializado cun stand de 100m2 no que se amosarán diversas campañas promocionais desenvolvidas pola Consellería e se degustarán produtos do mar de Galicia como bonito, mexillón, conservas e rodaballo. Así o explicou hoxe Rosa Quintana en Santiago durante a presentación da XIV edición desta feira bienal.

Rosa Quintana salientou que Expomar “é un evento consolidado e un referente internacional para os profesionais do sector mariño” e que falar deste certame é “falar da Mariña lucense e de Galicia como punto de encontro do sector pesqueiro aberto ao mundo”. Neste sentido destacou que funciona como plataforma de comunicación e “intercambio de ideas” entre a Administración, os empresarios do sector mariño e os profesionais que traballan nel. Ademais a conselleira recoñeceu a importancia deste certame no impulso á comercialización dos produtos do mar, tanto frescos como en conserva e elaborados.

Esta edición de Expomar contará con arredor de 100 expositores do sector náutico-pesqueiro e 350 marcas. Neles mostraranse produtos relativos a diferentes eidos do sector como cámara de máquinas, equipos de cuberta, casco e carga, electricidade naval, equipamentos de proceso e conservación en buques. Durante a súa intervención, a titular de Mar agradeceu á fundación Expomar o seu labor “de concienciación sobre o mundo do mar” e na organización deste evento de difusión do sector náutico-pesqueiro.

Xornadas técnicas e Encontro empresarial
Como complemento á feira de carácter divulgativo e teórico, nacen as Xornadas técnicas e o Encontro empresarial que, co paso do tempo, adquiriron personalidade propia e diferenciada dentro do programa do evento. Ambas iniciativas celébranse anualmente e actúan de foro de debate no que se dan cita tódalas administracións e técnicos especialistas do sector.

Nas xornadas debátense os temas de maior actualidade e relevancia no eido pesqueiro.  Nas deste ano versarán sobre a comercialización no sector pesqueiro, a implicación e as influencias da normativa comunitaria e internacional na actividade pesqueira. Por outra banda, o encontro empresarial, que reúne a entidades e a asociacións representativas da frota galega, celebrarase o 20 de maio e nel tamén se tratan cuestións de relevancia para o sector.
 

Sociedade