Extorsión de tipo mafioso

Extorsión de tipo mafioso
22 de Xullo, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

“O movemento irmandiño é unha expresión da conflitividade brutal que se vivía na Galicia do século XV. O campesiñado e un sector da burguesía estaban fartos dos abusos e das violencias dos cabaleiros vencellados aos grandes señores da terra. A nobreza fixera da violencia e da extorsión de tipo mafioso unha das súas formas de vida principal” afirma o profesor de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela José Miguel Andrade. O historiador recoñece que Roi Xordo é un personaxe do que sabemos pouco. “Hai quen sostén que morreu combatendo a reacción contra o movemento irmandiño en Pontedeume”. Andrade intervirá este sábado no entorno do castelo dos Andrade (torre de Nogueirosa). 

Fotografía: Suso Pinheiro

A palabra e a música recrearán a revolta irmandiña este sábado en Pontedeume. Os actos concentraránse no castelo dos Andrade ou torre de Nogueirosa. Sairáse ás cinco da tarde do torreón dos Andrade ainda que tamén se poderá ir nun autobus de balde que sairá de Pontedeume ás seis e media da tarde. Xa en Nogueirosa, a partir das sete da tarde, falarán o profesor Diego Bernal sobre “Andrade, un apelido eumés universal”, o profesor Xosé Miguel Andrade sobre “Roi Xordo e Alonso de Lanzós en Pontedeume”. Todo rematará cun concerto de música galega medieval a cargo de Doa Dúo. O Ateneo Fernán Martís de Pontedeume, entidade organizadora, anuncia que haberá postos de comida e bebida no campeiro para unha merenda cumprida. Colaboran o Concello de Pontedeume e a Deputación da Coruña.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora