A fábrica de puntas de Toques

A fábrica de puntas de Toques

21 de Setembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Unha fábrica de aramios e puntas instalouse aproveitando os restos das edificacións do mosteiro de San Antoniño de Toques nas terras de Melide. Aproveitaba o salto de auga e co nome de "Unión Gallega" utilizaba un forno de fundición, de crisol. Para facer un quilogramo de ferro facía falta queimar cen quilogramos de carbón. Funcionou por espazo de oito anos entre 1878 e 1886. Na actualidade as ruinas da factoria mistúranse coas do cenobio. A

Faustino de Orantes y Magallón (casado e de 47 anos) promove con outros 21 cidadáns de Santiago, A Coruña, Melide e Toques, en escritura do 5 de xullo de 1878 a constitución dunha sociedade anónima para a fabricación de aramios de ferro denominada "El Porvenir". Teñen 97 participacións de 500 pesetas cada unha, cun capital social total de 45.000 pesetas.Faustino de Orantes aporta á sociedade o privilexio de introdución para a fabricación de aramios concedido polo Rei en xaneiro de 1877. Benito Mella Gayoso (veciño de Santiago) e Manuel María Carril García (veciño de Toques, escribano, da casa de Atá) ceden os terreos, edificios e salto de auga destes últimos.O primeiro Consello de Administracion, por un período de tres anos, formanno Pedro Mayoral Medina, Manuel Avelenda e Manuel María Carril.

As obras de construción comezan o 6 de outubro de 1878, segundo unha memoria presentada na Sociedade de Amigos do Pais de Santiago de Compostela.O propietario da fábrica Faustino Orantes edificou cinco casas para os seus empregados. A instalación funcionaba de xeito continuo para non apagar os motores, segundo fontes orais.En 1882 Faustino Orantes propon na Sociedade Económica de Amigos do Pais de Santiago a criación dunha "fábrica de refinación de ferros". Presenta unha memoria e non nos consta a resolución adoptada.A Sociedade Económica de Amigos do Pais de Santiago de Compostela nomea en 1883 a Orantes como socio de mérito por ter "importado en Galicia e establecido baixo a súa intelixente dirección unha industria de tanta importancia como a fabricación de aramios de ferro".En 1884 Orantes publica unha carta na Gaceta de Galicia,na que indica que a sociedade El Porvenir é dona da fábrica que en Toques construiu e montou o propio Orantes, explotandoa el mesmo ata 1883. Nesa data arrendouse a fábrica ata 1886 cobrando como prezo o seis e medio por cento do capital investido. O industrial indica que o arrendatario poderá ter parado de traballar, antes de concluir o arrendo, e quizais por iso formou unha sociedade para construir outra fábrica.Xa en 1885 Orantes reside na parróquia do Sar en Santiago e alí contribue con 20 pesetas para axuda das vitimas dos terremotos de Málaga e Granada. Un ano máis tarde aparece domiciliado en Fonte Sequelo, 7 (Santiago) como representante para toda Galicia de tuberías para gas e augas e material para ferrocarrís, tranvias e edificios de ferro. Representa á fábrica de ferros de Santander, á fábrica de armas de Orbea e de pedras de muiño de La Ferté.

En 1886 dirixe o diario "La Región Gallega". Ten curta vida o xornal, xa que desaparece ao ano seguinte.Orantes representa aos republicanos de Santiago, e nunha asemblea federal pide que se impoña ás igrexas a mesma contribución que pagan os edificios particulares. A proposición foi admitida en medio de grandes aplausos segundo informa a Gaceta de Galicia de outubro de 1888. Nese ano forma parte da directiva do casino republicano de Santiago.En 1891 preséntase de novo candidato á deputado por Santiago na candidatura republicana. Xa se presentara por Muros, tamén na lista republicana en 1873. Orantes acude con Federico Tapia como representantes da Coruña ao Congreso do Partido Republicano en 1888. En 1889 trasládase á Coruña e alí tamén aparece como directivo do Casino republicano federal. En 1913 aparece Faustino Orantes designado candidato federal para deputado en Cortes polo partido xudicial de Muros. Pero a actividade política de Orantes, e as súas relacións con Manuel Murguía e con Luís Pasín Romero, serán obxecto doutras investigacións.

Sociedade