Fiestrarte é un proxecto colectivo, no que participaron case unha vintena de artistas, que ten un obxectivo moi concreto: recadar fondos para a rehabilitación do escenario do Cinema Adriano de Barallobre (Fene). As 18 obras de Fiestrarte estiveron expostas na fachada do cinema Adriano de Barallobre desde o día 6 até o 27 de maio de 2016. A galería Sargadelos de Ferrol acolleu as obras do 28 de maio ao 3 de xuño.
Este sábado 4 de xuño as obras destes 18 artistas volven ao cinema Adriano para a súa poxa final que comezará co prezo que alcanzase cada obra na poxa on-line até esa data.
No evento estrearase "Hunter" un curto de Daniel Sanmartín Anca e proxectarase un vídeo das actividades realizadas por Patio de Butacas (sobre todo a memoria dos veciños que viviron esa época do Adriano aberto recollida en formato vídeo). O acto terá lugar ás 18:00 horas e nel poderase gozar tamén da música dun grupo de alumnos do IES de Fene: Andrea Vilariño, Diego Rodríguez Rojo e Serafín Santamariña Sanmartín. E a actuación de Eugenia Sanmartín.
O domingo 5 de xuño ás 12:00, tócalle a quenda á historia do cinema que se proxectou no cinema Adriano. Antonio Gómez Abad, director da revista Pronto, fará un percorrido polo cinema español e suramericano e os seus protagonistas baseándose nas películas que se estrearon no Cinema Adriano entre 1947 a 1972. Contará anécdotas e curiosidades dalgúns dos actores e actrices que pasaron pola pantalla do Adriano: Jorge Negrete, Sara Montiel, Marujita Diaz, Concha Velasco , Lola Flores, Manolo Escobar, Marisol, Rocío Durcal, Carmen Sevilla ou Paco Rabal, entre outros.
Os dous eventos faranse grazas á colaboración de Comasa Maniños, a Agrupación Instuctiva de Caamouco e Suymetal Aragunde.