Fútbol en Fene

Fútbol en Fene
21 de Xaneiro, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Intenso domingo de fútbol esta fin de semana en Fene. Maniños, Barallobre, Perlío e Maniños B xogan na casa. Na liga feminina, o Maniños tamén compite na casa e ao Perlío tócalle viaxar a Iñás (Oleiros) na procura dunha vitoria contra as segundas clasificadas.

O Maniños recibe no campo do Pote ao Brexo Lema. Partido da Primeira Galicia de fútbol. Domingo, día 22, ás 16:30 horas. Un compromiso con “outro rival da zona baixa; no partido de alí gañamos, xogan un fútbol bastante directo e pola situación na que están teñen que intentar sacar puntos”. “Temos que intentar crecer, hai que apartar as dúbidas”, destaca o míster do Maniños, Pablo Mesa.

Segunda Galicia de fútbol. Logo da vitoria do Barallobre sobre o Narón-O Freixo, esta fin de semana visita o campo do Ramo o Vilarmaior. 16:15 horas do domingo. “Pola información que temos, esperamos un Vilarmaior mermado en canto a efectivos, pero para conseguir tres puntos temos que fixarnos en nós máis que nos equipos rivais”, destaca o míster Miguel Carballeira. 

Nos Pinares, Perlío-Esteiro. Domingo, 16:15 horas. Logo da contundente vitoria da anterior xornada por 6 goles a 0 sobre o Rosalía de Vilaboa, o adestrador do Perlío, Gonzalo Beceiro, móstrase prudente. Non as ten todas consigo co Esteiro, “un equipo irregular que sempre nos pon dificultades”, avisa

Maniños B-Monfero. O Pote, domingo, 12:15 horas. “Esperamos un equipo peleón, difícil, con bos xogadores”, prognostica o adestrador Michel Rodriguez. Quere aproveitar o partido na casa para darlle unha alegría á afección.

Na segunda Galicia de fútbol feminino, o Maniños pecha a primeira volta recibindo no Pote ao equipo da Silva. Domingo, día 22, ás 18:45 horas. Con 23 puntos, as coruñesas van de cuartas na clasificación. Son coñecidas da pretemporada. Daquela o Maniños empatoulles a 4 na Coruña, Ten boas xogadoras sobre todo arriba, advirte o míster, Juanjo Iñiguez

O Perlío chega ao ecuador da competición xogando en Oleiros. Enfróntase o domingo, ás doce, contra o Atlético San Pedro, segundas na clasificación. “Non perdeu ningún partido, sobre todo na súa casa, pero penso que agora mesmo coa dinámica que levamos podemos traer algo positivo da Coruña”, di o adestrador, Carlos Carballo. A clave para resolver en Iñás “saír metidas no partido e estar vivas ata o último momento”. 

 

Deportes

Publica o teu comentario agora