Fame de festa

Fame de festa
28 de Setembro, 2022 - 02:56 h. | Publicada por Radio Fene

Hai fame de festa en Lugo. Despois da pandemia volve por todo o alto o San Froilán, a gran festa do outono galego. Do 4 ao 12 de outubro celébranse as feiras e festas do San Froilán. Pero as barracas e as casetas do polbo xa abren esta fin de semana e funcionarán todo o mes de outubro. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convidou desde Radio Fene a toda a veciñanza de Ferrolterra a gozar coas tradicionais celebracións.

ESCOITA O PODCAST:
Imaxe alcaldesa de Lugo

As patronais de Lugo, consideradas por Alvaro Cunqueiro as festas máis importantes do outono en Galicia, ofrecen un programa variado para todos os gustos e idades. Conservando, iso si o seu carácter, con tradicións e persoa xes como a familia Pelúdez. Filomena, Pelúdez e os seus xa se deixarán ver no comezo das festas. Este ano ábrense co pregón de Esther Eirós, xornalista lucense especializada en viaxes. O día grande será o 5 de outubro, festa do patrón. Domingo das Mozas, o día 9, é outro dos grandes fitos no calendario festivo. Nesa xornada terá lugar a tradicional exaltación do traxe galego con desfile ata o parque, onde a poetisa Olga Novo fará a ofrenda a Rosalía de Castro. 

Para a veciñanza de Ferrolterra hai reservada unha cita especial o sábado, 8. No día de Ferrol renóvanse os lazos de amizade e as reivindicacións, moitas históricas, que comparten as dúas cidades como lembrou a alcaldesa de Lugo, quen dá a benvida á cidade das Murallas a toda a xente da nosa contorna. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora