Fantasía e feminismo en A noite da deusa

Fantasía e feminismo en A noite da deusa
30 de Novembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

María López Sández publicaba este verán o seu primeiro libro de xénero fantástico, A noite da deusa. Trátase dunha novela onde unha comunidade feminina procedente do inframundo quere que chegue o día no que as mulleres camiñen ao lado dos homes mediante unha serie de obxectos máxicos que foron pasando de xeración en xeración con máximo secretismo.

ESCOITA O PODCAST:
María López Sández co seu libro A noite da deusa

A literatura xuvenil ofrece tamén posibilidades para os lectores adultos, que poden atopar novos significados. A formación lectora de María López Sández comezou, influenciada polo seu irmán, co xénero fantástico. "Hai un pouco de todas esas novelas iniciáticas na Noite da deusa pero tamén quixen cambiar o foco protagonista do heroe a unha perspectiva feminista, escribindo sobre unha heroina" apunta a escritora.

Aínda que considera que o xénero que mellor se lle da é o ensaio, non pode negar a súa predilección pola narración. É como escoller entre papá e mamá, comentaba entre risas María. Actualmente está a escribir un ensaio sobre o feminismo de Emilia Pardo Bazán xunto a Marilar Alexandre. Agarda que o libro xa se atope no mercado para comezos de 2021, coincidindo co aniversario da súa morte.

María sinalou a importancia dos clubes de lectura tanto no ámbito escolar como fóra do mesmo: "Enriquecen esta actividade que adoita ser individual”.

Falou do prexuízo e desprestixio que sofren as humanidades, provocado en moitas ocasións pola escasa oferta cultural que hai nos medios de ampla difusión. Afortunadamente, coa chegada de Internet abriuse un amplo abano onde a xente pode escoller máis libremente.

Cultura

Comentarios

Moitas grazas Quique, Maite e lupe. Foi un pracer compartir con vós esta tarde de conversa e literatura.
Nome: 
Maria

Publica o teu comentario agora