Feijóo convoca eleccións para o 25 de setembro

Feijóo convoca eleccións para o 25 de setembro

01 de Agosto, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume
O presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo comunicou esta tarde a súa decisión de convocar as eleccións ao Parlamento galego para o domingo 25 de setembro. Coincidirán así cos comicios vascos e se alonxan dunhas hipotéticas eleccións xerais que poderían rondar a última semana de novembro, se non se da formado goberno.
Alberto Núñez Feijóo anunciou a data das eleccións tras presidir unha xuntanza extraordinaria do Consello do Goberno galego. Dá por rematada a VIII lexislatura do Parlamento de Galicia e convoca ás urnas para elixir a composición da IX. A data cadra coa elixida polo lehendakari, Íñigo Urkullu, que o pasado venres 29 de xullo convocou os comicios vascos para o 25 de setembro, precipitando así a decisión galega.
"Se un pide seriedade e responsabilidade e se un ten o obxectivo de achegar estabilidade ao seu país, o consecuente é que se fagan coincidir con Euskadi", argumenta Feijóo, quen ante a prensa explicou que optar por outubro, a súa preferencia inicial, "prolongaría a inestabilidade que xeran os diferentes procesos electorais aos que nos vimos sometidos nos últimos meses". Por iso, engade, "saírme coa miña de que fosen en outubro non sería positivo para Galicia e o conxunto de España" xa que, dixo, “quen sabe se teremos que acudir por cuarta vez” ás urnas nunhas terceiras eleccións xerais. As galega son “obrigatorias”, insistiu, mentres que a sucesión de xerais vén provocada pola “inestabilidade” que el di tratar de evitar en Galicia. Este adianto implica que o prazo de presentación de candidaturas teña que rematar na penúltima semana de agosto. A campaña electoral comezará o 9 de setembro.
Feijóo, que leva xa varios meses facendo precampaña por toda Galicia, optará ao seu terceiro mandato consecutivo, algo que tratarán de impedir o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga e a nacionalista Ana Pontón, á espera de que a Marea, que vén de constituírse en partido instrumental, e Podemos decidan se concorren xuntos e o nome de quen lidere a súa candidatura. "A oposición -di Feijóo- sabe perfectamente que este outono ía haber eleccións en Galicia", di Feijóo, en cuxa opinión "o problema dalgúns partidos" non é "que as eleccións sexan unha semana antes ou despois", senón a "falta de proxecto. Alén da evidente aceleración de prazos, o adianto implica que as eleccións galegas xa estean celebradas cando comece o xuízo do caso Gürtel, o 4 de outubro.
Por outra banda, Feijóo indicou que no decreto de disolución do Parlamento que asinará na tarde deste luns tamén se acurtará algo o prazo máximo de 30 días que hai para constituír a nova Cámara, de xeito que a IX lexislatura arrancará o 21 de outubro. O presidente xustificouno na necesidade de axilizar o traballo de elaboración dos Orzamentos autonómicos para o próximo ano.
Preguntado sobre o feito de que o lehendakari se lle adiantara na comunicación da data, Feijóo restoulle importancia. “Nin ao lehendakari lle pedín explicacións nin sería razoable que mo pedira a min”, dixo, exustificou que o presidente vasco tería tempo ata este mesmo luns para comunicar a súa decisión de convocar o 25 de setembro, pero que sen embargo adiantou o anuncio ao pasado venres deixándolle así a el tres días para poder tomar a súa decisión.
Na súa comparecencia, Feijóo dixo que xa comunicara a data tanto ao presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, como ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e ao portavoz do grupo parlamentario do PP, Pedro Puy, para que este á súa vez llo trasladase aos voceiros da oposición. Sobre as próximas semanas, Feijóo asegurou que o seu Goberno manterá a súa actividade normal, con excepción feita das actuacións propagandísticas que impide a lei electoral. “A campaña empeza o día 9 de setembro”, dixo, para engadir: “Me dá a sensación de que non vou ter moitas vacacións este verán”.
Sociedade