A feira cabalar volve o 23 de abril

A feira cabalar volve o 23 de abril
02 de Abril, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Tras dous anos de parón obrigado por mor da situación sanitaria, a Asociación Ecuestre 23 de Abril e o Concello recuperan a celebración da afamada feira cabalar do 23 de Abril e os tradicionais concursos de trote e andadura, que repartirán 5.000 euros en premios entre trofeos e contías en metálico. As bases de participación fixéronse públicas hai uns días  e hoxe venres deuse a coñecer o cartel anunciador da cita, deseñado polo artista gráfico Juanlu Nacha. Este ano, como novidade, as inscricións nas distintas probas só poderán facerse por correo electrónico. Ademais, segundo informa a organización, a Consellaría do Medio Rural comunicou que na comunidade están detectándose focos de Influenza Equina que aconsellan extremar as precaucións para previr contaxios. Neste sentido pídeselles ás cabaleiras e cabaleiros que vacinen os seus animais e que lle presten atención ao seu estado de saúde -sobre todo o control da febre- nos días previos á cita. Se presentasen síntomas coincidentes cos da enfermidade no día da feira, a veterinaria responsable do evento non autorizará a súa baixada do transporte.

Feira do cabalo de Moeche

A inscrición telemática é unha das principais novidades das probas ecuestres que se van desenvolver ao longo da xornada do 23 de abril. As persoas que queiran participar deberán remitir un correo a inscricion23abrilmoeche@gmail.com no prazo comprendido entre o 1 e o 16 de abril indicando, entre outros datos, os do rexistro do animal, a categoría ou categorías en que se inscribe e tamén os da persoa propietaria e de quen se encargue do transporte.

Todo o procedemento está especificado nas bases, onde tamén se precisa que a organización responderá confirmando a inscrición antes do 21 de abril, devolvendo para iso unha mensaxe ao mesmo correo desde o que se fixese a solicitude (aconséllase revisar a carpeta de correo non desexado).

É dicir, no propio día da feira non se poderán facer inscricións, co obxectivo de evitar esperas a primeira hora da mañá e axilizar así o inicio das probas. Con todo, e malia a inscrición previa, si será obrigatorio ter á man a documentación, que poderá ser requirida pola organización en calquera momento. Ademais, en atención ás recomendacións de Medio Rural, non se autorizará a descarga de eguas e cabalos que presenten febre ou sintomatoloxía coincidente coa da gripe equina.

O concurso, cuxo cartel anunciador se fixo público hoxe a través das redes sociais, volverá premiar as cinco mellores evolucións nos apartados de Andadura chapeada e Andadura serrada, subdivididas á súa vez nas categorías para  monturas inferiores e maiores de 1,5 metros de altura á cruz. Tamén se organiza o concurso de Trote, nese caso con premios para os tres mellores percorridos feitos con animais de menos de 1,5 metros e outros tres para os realizados en eguas ou cabalos maiores desa altura. En total entregaranse 26 galardóns con contías entre os 300 e os 75 euros, ademais dos correspondentes trofeos.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora