Feliz coma unha perdiz

Feliz coma unha perdiz
01 de Maio, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

As mellores cociñeiras de perdices de Galicia estaban en Cabanas. As perdices son aves granívoras da caste das galiñáceas.

Son pezas de caza que foron moi común na nosa terra, agora escasas polo cambio de cultivos. Pero a chegada do outono desata nos galegos unha paixón de matar as poucas aves que quedan. Máis de cen mil cazadores saen ao monte detrás da perdiz vermella que pintaron os nosos devanceiros en Santa Baia de Bóveda hai máis de mil anos, segundo apunta Fausto Galdo. O naturalista Víctor López Seoane atopou variantes e subespecies de perdices.

As donas das Torres do Allo e da Casa Grande de Cabanas do Eume tiñan sona de seren as mellores cociñeiras de perdices de Galicia. Moitas son as maneiras de cociñalas. Cunqueiro propón unhas espetadas e asadas, preñadas con olivas recheas de anchoa. Tamén as aconsella con verzas. A condesa de Pardo Bazán guisa as perdices recheas de ostras, de sardiñas salgadas (arenques) de trufas que traería de fora, con prebe de chocolate e con castañas, que é, segundo Alexandre Dumas, o recheo dos países máis civilizados.

Perdices na súa salsa:

As perdices ben limpas e salgadas douranse por todas partes e despois bótanse na tarteira con cebolas, pirixel, folla de loureiro, uns grans de pementa, un litro de viño branco e medio de vinagre. Tapar e deixar facer. 

Acaba o conto: "Foron felices e comeron perdices".

Cultura

Publica o teu comentario agora