Fene abre o debate sobre o futuro dos cargos de libre designación

Fene abre o debate sobre o futuro dos cargos de libre designación

02 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Corporación de Fene aprobou onte -cos votos favorables dos tres grupos da oposición- unha moción do BNG na que se propón revocar os acordos de xullo do 2007, relativos á contratación do persoal de confianza, e iniciar un novo proceso de negociación. O voceiro dos nacionalistas, Manuel Polo, solicitou no Pleno unha xuntanza de tódolos grupos políticos para tratar o tema e acusou ao Partido Socialista  de non querer abordalo, dilatán

Por parte do goberno municipal, o Alcalde, Iván Puentes, asumiu o compromiso de continuar a vindeira semana con este proceso de negociación (xa iniciado, aínda que informalmente, segundo quedou patente no Pleno). Malia todo, Puentes asegurou que a contratación das dúas persoas “de confianza” que na actualidade traballan en Fene “non hipoteca o futuro do Concello porque a súa retribución é baixa”.  
Tamén en relación con este tema, o voceiro do Partido Popular, Gumersindo Galego, afirmou que o PP se opuxo dende o principio a estas designación aínda que matizou que sí apostarían pola creación dunha xerencia de urbanismo onde podería haber persoal de confianza “pero especializado”. Na mesma liña, o concelleiro de Esquerda Unida, Manuel Sánchez dixo que o persoal contratado “non aporta nada nin é necesario”.
Moi controvertida foi tamén nesta sesión ordinaria do mes de outubro, a moción urxente presentada polo PP de Fene, pedindo explicacións pola ausencia do servizo da policía local durante día e medio a pasada fin de semana (coincidindo ademais coa celebración da I Feira Franca). Gumersindo Galego cualificou o feito de “neglixencia grave” e chegou incluso a pedir a dimisión do Alcalde. En resposta aos populares, o concelleiro de Persoal, Tráfico e Seguridade Cidadá, explicou que o problema se debeu  á coincidencia de varios axentes de vacacións, algúns de baixa e outros de libranza por asuntos propios. De tódolos xeitos, e aínda recoñecendo que puido equivocarse ao ter concedido o día a un dos gardas municipais, Juan Lourido asegurou que o operativo especial organizado con motivo da Feira Medieval “estivo perfectamente cuberto co persoal de Protección Civil”. Ao final, a moción dos populares, coa reprobación ao edil responsable desta área, saíu adiante cos votos do PP, BNG e EU.  
Tamén se aprobou unha moción do BNG na que se insta á Xunta e ao Goberno Central a impulsar medidas para mellorar o funcionamento dos concellos en tempos de crise, incluída unha reforma do modelo de finanzamento local. O documento saíu adiante cos votos favorables do BNG e EU e a abstención dos demais grupos.  
A última das mocións urxentes presentadas neste pleno, que durou máis de tres horas, introduciu o debate sobre a gripe A. Seguindo as directrices marcadas pola Consellería de Sanidade, o PP elaborou un protocolo de actuación con distintas medidas e consellos para “tentar minimizar o impacto da enfermidade no Concello”. Dende o goberno municipal respostaron que xa se está aplicando o protocolo que marca a Xunta e criticaron a falla de finanzamento para levalo adiante.

 

Sociedade