Fene crea emprego neste ano 2021

Fene crea emprego neste ano 2021
14 de Xaneiro, 2021 - 02:14 h. | Publicada por Radio Fene

O Boletín Oficial do Estado publicou hoxe mesmo o inicio do prazo de presentación de instancias no concello de Fene para participar no concurso oposición de tres prazas de auxiliar administrativo/a e unha de peón ou peoa do servizo de limpeza. Están pendentes de publicar outras dúas, de conserxe e administrativo/a. 

O Concello de Fene ten en marcha nestes momentos varios procesos para a cobertura de vacantes no seu cadro de persoal que, na práctica, supoñen a maior oferta de emprego municipal dos últimos anos. Hoxe mesmo o Boletín Oficial do Estado publicou o inicio do prazo de presentación de instancias para participar no concurso oposición de tres prazas de auxiliar administrativo/a e unha de peón ou peoa do servizo de limpeza. As persoas aspirantes teñen desde este venres 15 de xaneiro ata o día 3 de febreiro para botar as súas solicitudes e acceder aos procesos selectivos destes catro postos incluídos nas ofertas de emprego público de 2017, 2018 e 2019. Porén, a cousa non para aí, xa que no mes de decembro tamén se publicaron as bases para unha praza de conserxe da oferta de 2018 e para outra de administrativa/o encadrada na oferta pública de 2019, ambas pendentes de saír no BOE para que empece a correr o prazo de presentación de solicitudes. Ata que sexa publicado no BOE non se poden enviar as instancias. Ademais, a Xunta de Goberno Local tamén lle deu luz verde esta mañá ás bases da selección doutra praza de administrativo/a e cómpre ter en conta que a Oferta de Emprego Público de 2020 recolle outras tres vacantes que o consistorio pretende cubrir ao longo deste ano que acaba de comezar.

Desde a Concellaría de Persoal, encabezada por Sandra Permuy, destácase a "aposta decidida polo emprego público" como fórmula para garantir "un Concello moderno, eficiente e capaz de darlle resposta ás demandas da veciñanza, especialmente en circunstancias adversas como as que estamos a vivir". A concelleira engade que o inicio dos procesos de contratación "que están xa en marcha" significa tamén "o desbloqueo dunha cobertura de vacantes moi necesaria que se debería ter feito xa hai tempo", aludindo neste sentido á "inacción" neste ámbito do anterior executivo municipal. Os procesos que botaron a andar en decembro coa publicación das correspondentes bases van dirixidos á selección de 3 auxiliares administrativos/as -das ofertas de 2017,2018 e 2019- e 1 peón ou peoa de limpeza -pertencente á OEP de 2017-, que en ambos casos terán aberto o prazo de presentación de solicitudes desde o 15 de xaneiro até o 3 de febreiro (20 días naturais).

En decembro tamén se publicaron as bases para cubrir unha praza de conserxe da oferta de 2017 e outra de administrativa/o de 2018. Ademais, hoxe mesmo, a Xunta de Goberno Local aprobou o procedemento polo que se rexerá a contratación dun ou dunha administrativa, encadrado na OEP de 2019, cuxas probas selectivas se farán coincidir coas da convocatoria referida ao ano anterior. Débese ter presente, iso si, que os prazos para rexistrar as instancias empezarán a contar no momento en que o indique o Boletín Oficial do Estado, non antes. "Nas últimas semanas houbo varias persoas que quixeron rexistrar as súas solicitudes despois de ver as bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia. Pregámoslle ás persoas aspirantes que  lean ben as convocatorias, xa que nas bases pon ben claro que os prazos empezarán a contar despois de que se publique o correspondente anuncio no BOE".

Oferta de Emprego Público de 2020

Ademais de dárlle o pulo definitivo as convocatorias das ofertas de 2017, 2018 e 2019, o Concello tamén publicou a principios de decembro -BOP do 7/12/2020- a Oferta de Emprego Público de 2020, que inclúe a provisión dunha praza laboral de peón ou peoa de xardíns -con reserva para persoas con discapacidade-, outra de administrativo/a e unha pertencente á taxa de estabilización de emprego temporal do posto de oficial de sepultura do cemiterio municipal, nestes dous últimos casos como persoal funcionario. Aínda que o Estatuto Básico do Empregado Público dá de marxe ata tres anos para efectuar os procesos selectivos das ofertas de emprego público, desde a Concellaría de Persoal avánzase que o obxectivo municipal é "convocar as prazas previstas na oferta de 2020 ao longo deste mesmo ano", coa finalidade de que non se produzan "retrasos innecesarios" na cobertura de vacantes existentes no cadro municipal.

Institucional

Publica o teu comentario agora