Fene a debate

Fene a debate
25 de Maio, 2023 - 12:40 h. | Publicada por Radio Fene

Urbanismo, centro de saúde e políticas sociais focalizaron o debate político organizado por Radio Fene coa participación dos catro candidatos a alcaldía do Concello de Fene. Gumersindo Galego, do Partido Popular; Juventino Trigo, do Bloque Nacionalista Galego; Joaquín Ayala, do Partido Socialista, e Mari Carmen Martínez, de Esquerda Unida, presentaron as súas propostas á cidadanía no debate celebrado no salón de plenos da Casa do Concello que moderou a presidenta do Club de Prensa e veciña de Fene Xulia Díaz.

ESCOITA O PODCAST:

Escoita os últimos momentos do debate:

https://redefusion-eu.us.stackstaging.com/audio/250523DEBATE.mp3

 

En materia urbanística, os candidatos coincidiron na necesidade de modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, aínda que discreparon na xestión realizada. O PP insistiu en que o Goberno non fixo nada en dous anos para conseguir terreos para o novo centro de saúde. O BNG lembrou que o plan de infraestruturas sanitarias foi aprobado hai ano e medio e detallou todas as xestións realizadas neste tempo. E o PSOE sostén que os terreos non están a disposición do Concello. PP e Esquerda Unida confrontaron a súa visión sobre o traballo realizado polos servicios sociais.

Os catro candidatos expuxeron as súas propostas para os próximos catro anos e pediron o voto o domingo. Gumersindo Galego aspira a renovar a confianza do electorado, ampliando apoios ata a maioría necesaria para gobernar. Para Juventino Trigo, logo do difícil mandato da pandemia, o obxectivo é facer de Fene o mellor lugar para vivir. Implementar políticas sociais e non vender fume, son as promesas na mensaxe que trasladou á veciñanza Joaquín Ayala. Nacín e vivo en Sillobre, son a única muller cabeza de lista, destacou Mari Carmen Martinez, que pediu o voto reivindicando o valor da política contra quen din que os políticos son todos iguais.

 

Partido Popular, BNG, PSdeG PSOE e Esquerda Unida debatiron na radio local.  Radio Fene renovou así o seu compromiso de servizo público. Deu acollida a todas as opcións existentes na sociedade local. Reafirma a súa vontade de converterse en praza de concitación do diálogo e do debate social, de maiorías e de minorias. Difundir a pluralidade de voces entendemos que pode contribuir a extender o interese pola resolución dos problemas da comunidade e en consecuencia a unha maior participación.  Esa é a esencia da democracia.  "Quedaron aqui as propostas das forzas políticas. O vindeiro domingo a palabra será da cidadanía que poderá decidir a composición da Corporación de Fene para os vindeiros catro anos" afirmou ao remate do acto a presidenta do clube de prensa de Ferrol e veciña de Fene Xulia Díaz, quen moderou o acto realizado no salón de plenos da Casa do Concello de Fene.

 

Fotografía: Xan Xe

Institucional

Publica o teu comentario agora