ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Trinta e cinco alumnos e alumnas do colexio Jorge Juan de Perlío someteranse o vindeiro 8 de maio aos exames do Informe Pisa, o Programa Internacional para a Avaliación dos Estudantes.
Moita expectación pero tamén moitos nervios manifestan xa estes días os alumnos e alumnas da Jorge Juan que a vindeira semana se enfrontarán ás probas do Informe PISA. Segundo a directora do centro, Mónica Padín, a nova sobre a selección deste colexio para o estudo do Programa Internacional para a Avaliación dos Estudantes, “colleunos por sorpresa e con pouca información sobre o tema”. Aínda así, valora a súa participación coma unha experiencia nova e un reto interesante.
Trinta e cinco rapaces e rapazas do colexio fenés, escollidos entre os trinta e seis nacidos no ano 1993, someteranse o venres da vindeira semana aos exames do Informe Pisa. Nunha entrevista en Radiofusión, Mónica Padín explicou esta mañá que as probas serán de Ciencias, Matemáticas e de Comprensión Lectora. Ademais, ao remate, os alumnos deberán cubrir un cuestionario sobre o seu entorno familiar.
Segundo a directora da Jorge Juan de Perlío, polos modelos que se facilitaron ao centro, os exames que se adoitan realizar para o Programa Internacional de Avaliación non semellan moi difíciles De tódolos xeitos, o problema que ve Mónica Padín é que as probas son moi seguidas, están concentradas nunha mesma mañá e os alumnos poden chegar a cansar.
O Programa Internacional para a Avaliación dos Estudantes baséase nunha análise do rendemento do alumnado a partir dunha serie de exames que se realizan cada tres anos e que permiten avaliar a calidade do sistema educativo dos distintos países participantes. Nesta edición foron seleccionados 54 centros galegos, catro deles das comarcas de Ferrolterra Eume e Ortegal. Ademais da Jorge Juan de Perlío (Fene), someteranse ás probas do Informe Pisa o IES Terra de Trasancos de Narón, o Punta Candieira de Cedeira e o Virxe da Cela de Monfero.