Fenecom triunfa na rede

Fenecom triunfa na rede

27 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Novas e comentarios sobre a actualidade municipal, anuncios de festas e actividades culturais, fotografías antigas e información de servizos. Son algúns dos contidos que se poden consultar a diario no blog do veciño de Fene, Jacobo Aguilar.

Nos seis meses que leva pendurado na rede, o blog de Jacobo Aguilar sobre Fene (www.fenecom.blogspot.com) recibiu case trinta e cinco mil visitas, un cifra que supera as expectativas do seu creador, un apaixonado da historia local que agora quere compartir cos internautas boa parte do seu arquivo persoal. Segundo declarou esta mañá a Radiofusión, Jacobo Aguilar conta nestes momentos cunha importante colección de fotografías e documentos antigos que abranguen dende toda a historia da antiga Astano a todo tipo de acontecementos sociais e culturais, dende comezos do século XIX. A galería fotográfica é un dos espazos máis visitados no blog de Jacobo Aguilar, aínda que o caderno en Internet deste veciño de Fene conta con outros atractivos como a publicación de distintas novas relacionadas co Concello que van aparecendo en diferentes medios de comunicación, ou o seguemento que o propio Jacobo fai de festas e actividades culturais nas distintas parroquias. Tamén se fai referencia no blog de  “fenecom” á historia de Fene a través de personaxes ilustres coma o fotógrafo Celedonio Vila ou a través da súa música e dos grupos locais que deixaron pegada en Fene.A pesares de que o seu blog está a recibir moitas visitas a diario, Jacobo Aguilar bota en falta que a xente colabore un pouco máis, aportando fotografías ou documentos que axuden a enriquecer a páxina ou simplemente deixando os seus comentarios sobre os artigos que se publican.

Sociedade