Fernando Lema: “Utilizamos a estatística a diario”

Fernando Lema: “Utilizamos a estatística a diario”

20 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Coñecernos a nós mesmos e o mundo que nos rodea é o que nos permite facer a estatística; unha ciencia que está moi presente na nosa vida cotiá, pero que, denuncian os implicados, resulta pouco visible para a maioría da sociedade. Para solucionar esta eiva desde as Nacións Unidas propuxeron a creación do Día Mundial da Estatística, que se conmemora por primeira vez neste mércores 20 de outubro.

“Aínda que non nos decatemos, utilizamos información estatística a diario”, argumentou en Radiofusión o delegado na Coruña no Instituto Nacional de Estatística (INE), Fernando Lema Devesa. Puxo varios exemplos: permítenos saber cantas persoas viven no noso concello, utilízase para calcular os recursos precisos para os servizos sociais e marca, a través do IPC, as flutuacións de moitos salarios. Devesa tamén se referiu a “revolución” que viviu nos últimos tempos esta ciencia. “A estatística oficial sufriu unha mellora moi importante grazas ás novas tecnoloxías: acurtamos os tempos de obtención dos resultalos e conseguimos achegarnos máis á cidadanía”.

As delegacións galegas do Instituto Nacional de Estatística sumáronse a celebración do Día Mundial cunha xornada de portes abertas. O INE foi creado en 1945 como o organismo oficial encargado da coordinación xeral dos servizos estatísticos da Administración Xeral do Estado, así como da vixilancia, control e supervisión dos seus procedementos técnicos. O instituto conta en Galicia con catro delegacións e 275 empregados.

Sociedade