Ferrol 1976: a folga da construcción

Ferrol 1976: a folga da construcción

04 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

En 1976 desátase en Ferrol unha folga no sector da construcción. Acaban unindose á protesta traballadores de toda a provincia da Coruña. Finalmente consíguese un acordo que mellora a situación laboral nos planos social e económico. Ademais nace o Sindicato Obreiro da Construcción, vencellado nun primeiro momento a Comisións Obreiras, ainda que máis tarde estreita lazos coa CSUT e co Partido do Traballo de España (PTE).

O 20 de novembro de 1975 morre o dictador Francisco Franco. Iso desata unha auténtica efervescencia política, ainda que os representantes sindicais e políticos non se poñen dacordo entre a comenencia dunha transición sen presas ou un cambio brusco. A oposición debátese entre os que aceptan unha reforma pactada e os que seguen reclamando unha ruptura democrática. Pero todo o mundo presinte o remate do réxime franquista. Nese contexto, Comisións Obreiras configúrase como un movimento social e político, reclamando melloras puntuais nas condicións de vida dos traballadores, e demandando tamén libertades democráticas.

A negativa do sindicato vertical ante as demandas puntuais dos obreiros dunha empresa da construcción no Ferrol de 1976 orixina o primeiro paro. Logo o problema medra como unha bola de neve. Os representantes dos traballadores da construcción solicitan a formación dunha comisión negociadora para chegar a un acordo. Pretenden pactar un convenio colectivo, ainda que o anterior segue vixente. Os operarios queren mellorar as condicións laborais e os salarios.

Os sindicalistas de Ferrol fracasan no intento de chegar a un acordo cos empresarios da construcción. A protesta exténdese á Coruña e logo a toda a provincia. Os obreiros póñense en folga durante máis de 30 dias. Finalmente os empresarios acceden a mellorar a situacion dos obreiros da construcción no eido económico pero tamén no social. A folga favorece o xurdimento do Sindicato Obreiro da Construcción, que máis tarde se integrará na CSUT, sindicato afín ao Partido do Traballo de España (PTE). O conflicto orixinado en Ferrol desenvólvese a través de asembleas e delegacións que proporcionan a estructura precisa para a organización dos traballadores.

Sociedade