Ferrol, destino turístico na Semana Santa

Ferrol, destino turístico na Semana Santa

02 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol ven de anunciar un ambicioso programa para promocionar a cidade como destino turístico de primeira. Aproveitando o tirón da Semana Santa e doutros eventos coma o Salón do Cabalo que se celebrarán de xeito paralelo, editáronse máis de 50 mil guías turísticas que se están a distribuir por todo o norte da península. Ademais, para estas vacacións o Concello organiza distintas rotas para coñecer a cidade.

Para esta Semana Santa, o concello de Ferrol planificou ate seis percorridos para que os turistas e os propios veciños da comarca poidan coñecer de perto o Arsenal Militar, a ría de Ferrol en barco, o barrio da Magdalena ou o Castelo de San Felipe. Ofértase tamén a rota Torrentiana, unha visita ao teatro Jofre, e mesmo un percorrido polas entrañas da Semana Santa a través do achegamento a unha das cofradías da cidade.

Outro dos atractivos que ofrecerá Ferrol nos próximos días vén da man do Plan de Dinamización do Producto Turístico de Ferrol  e Ortegal. O tema é que, a través do Concello, se van poñer a disposición dos visitantes unha serie de audioguías coas que poder achegarse á arquitectura modernista da cidade. Tamén existe a posibilidade de que os turistas descarguen ao seu móvil, mp3 ou gps, o pod cast coa información da rota a través da propia páxina web do Plan de Dinamización.Documentación promocional sobre os 15 concellos do eixo Ferrol-Ortegal, videos sobre a Semana Santa e o Equiocio 2009 a través da súa Televisión IP ou a posibilidade de facer a rota do pan de Neda ao longo da Semana Santa. Son algúns dos recursos propios que o Plan de Dinamización do Producto Turístico vai poñer a disposición dos turistas que se acheguen pola comarca estes días.Ademais, en Ferrol, o Concello quere promocionar a gastronomía local nesta datas. Segundo anunciaron esta semana o alcalde, Vicente Irisarri, e mailo concelleiro de Promoción Turística, Ramón Veloso, cincuenta mesóns, restaurantes e tabernas da cidade ofrecerán aos visitantes menús especiais para este tempo. Son establecementos emprazados no propio casco histórico da Magdalena e Ferrol Vello pero tamén nos barrios de Esteiro e Ultramar.

 

 

 

Sociedade