Ferrol e a batalla de Trafalgar

Ferrol e a batalla de Trafalgar

02 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Ao igual que Benito Perez Galdós en Trafalgar (primeira novela da serie dos Episodios Nacionales) e Arturo Pérez Reverte en Cabo Trafalgar, Hixinio Puentes tamén elabora a sua novela A do vinte un a partir da batalla que se desenvolveu na badía de Cádiz o 21 de outubro de 1805. Daquela a Armada inglesa derrotou e desmantelou boa parte dos buques franceses e españois.

O protagonista da novela de Hixinio Puentes, un rapaz da Costa da Morte, vai reflectindo a súa vida na aldea natal preto do cabo Vilán ata enrolarse na Armada onde participa na defensa da cidade de Ferrol, que fora atacada por unha escuadra británica. En Cádiz é testemuña do maior combate naval que viron os séculos nas augas do Estreito de Xibraltar, acontecido fronte ao cabo de Trafalgar o 21 de outubro de 1805, data que serve de título á obra, onde os británicos, que abateran unha frota combinada de navíos franceses e españois.

Segundo se indica na novela, despois da batalla, "os gaditanos recollían os seus familiares para coidalos, pero había moita xente norteña, de Ferrol, Bilbao, Santander, outros do levante murciano e unha cantidade impensábel de franceses". Sinálase no relato que morreron na batalla de Trafalgar, "máis de catro mil cincocentos homes", moitos deles ferroláns. A cidade de Ferrol dedicou en 1813 un obelisco ao brigadier Churruca, segundo no mando da flota española e quen, ao morrer tan heroicamente como Nelson, tería salvado o honor da escuadra.

Sociedade